Prazo de presentación de solicitudes : dende o 12 de xullo ata o 13 de decembro
No Diario Oficial de Galicia do 24 de abril de 2019 publicouse a Orde do 11 de abril de 2019
pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social
destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do
Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Considerando as especificidades desta axuda, tanto no relativo ao seu financiamento, como á
duración anual da subvención e ao volume previsto de solicitudes, estimouse oportuno crear unha
liña específica, dentro do Programa do bono de alugueiro social, destinada a axudas ao alugamento
de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero, dando cumprimento ao previsto no Pacto
de Estado contra a violencia de xénero.
Polo exposto, no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2019 publicouse a Resolución do 28
de xuño de 2019 pola que se convocan as subvencións do Programa do bono de alugueiro social
destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do
Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual.
Persoas beneficiarias
As subvencións do Programa do bono de alugueiro social con financiamento do Pacto de Estado
contra a violencia de xénero están destinadas a atender as seguintes unidades de convivencia:
a) As das
mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de
dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de
explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de
dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por
interpósita persoa, con resultado de morte.
b)
As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de
xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación
de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
Os
requisitos que deben cumprir estas unidades de convivencia para acceder ás axudas
son os establecidos no
artigo 3 da citada Orde, que pode ser consultada no apartado “Ligazóns
relacionadas” desta mesma páxina.
Contía das axudas
As axudas consisten en bonos de alugueiro social cunha contía de 175€, 200€ ou 225€ mensuais,
segundo a localidade onde estea situada a vivenda sobre a que se subscriba o contrato de
arrendamento.
A axuda ten carácter anual, de maneira que cada unidade de convivencia só poderá percibir unha
subvención de
12 bonos mensuais consecutivos, pero será susceptible, no caso de que se prevexa
na correspondente convocatoria, dun máximo de dúas prórrogas ordinarias sucesivas, de 12 meses cada
unha, ata acadar unha duración máxima de 36 meses.
Poderase solicitar unha
axuda complementaria de 600€ para o suposto da inmediata formalización dun
contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e
da alta en subministracións.