Galicia foi, tradicionalmente, un territorio de difícil acceso, a antiga
Fisterra do mundo coñecido e, malia iso, dou mostras sempre dunha sorprendente capacidade para a
comunicación, mantendo fortes conexións co contorno europeo, reflectidas na súa historia, no
patrimonio cultural ou nas múltiples pegadas que nos aproximan a outros pobos distantes.
No seu camiñar a través do tempo, os nosos devanceiros foron modelando un
territorio de extraordinaria beleza, a Terra Nai dos precursores, fonte de inspiración e referencia
permanente, coa que todos nos sentimos orgullosos e identificados.
Foi, con todo, nos últimos anos, co desenvolvemento das capacidades dun
autogoberno que emana da Constitución e do Estatuto de Autonomía, cando a nosa terra máis avanzou
na mellora das súas comunicacións físicas e impulsou as súas potencialidades en todas as ordes,
aproximándonos aínda máis aos outros pobos e comunidades de España e de Europa.
No século XXI os retos de Galicia pasan, inevitablemente, por acadar o
equilibrio xusto entre o fomento do progreso e a preservación do noso patrimonio natural, pero
tamén, pola asunción das novas tecnoloxías da información como as ferramentas que transmitan o noso
traballo diario.
Esta páxina web pretende funcionar como unha liña de comunicación directa e
constante cos galegos e galegas onde queira que residan, para mantelos informados, sen
intermediarios e en tempo real, de todos os pasos que damos para facer deste un país máis
cohesionado, máis equilibrado e máis habitable.
Como responsable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
do Goberno galego, son consciente da transcendencia da tarefa que lles debo aos galegos e galegas
de onte, de hoxe e de mañá. Para iso, comprométome a traballar sen folgos e a garantir que sexan os
intereses xerais da Comunidade Autónoma os que guíen todas e cada unha das actuacións deste
departamento.
A nosa páxina web axudará aos cidadáns a comprobar como poñemos todo o noso
empeño en cumprir fielmente o contrato que con eles subscribimos e en seguir avanzando, de forma
respectuoso cun legado secular, na defensa do medio natural, na protección do territorio e na
mellora das comunicacións de Galicia.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas