Estás en ... Inicio » Actuamos » Cursos e premios

ANTEPROXECTO PARA A REURBANIZACIÓN DO BARRIO DE MONTEPORREIRO

O arquitecto Xosé González Cebrián Tello é o gañador do Concurso de Anteproxectos para a Reurbanización do Barrio de Monteporreiro, en Pontevedra, convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que foi fallado hoxe en Santiago de Compostela.

O xurado valorou especialmente  o feito de que a proposta cumpre dun xeito realista e sustentable os obxectivos do concurso, mellorando o espazo entre edificacións co tratamento das zonas verdes e plantacións, prestando atención  á comunicación entre estas zonas, e tendo en conta os condicionantes impostos polos  desniveis existentes no  terreo.

Asemade, o proxecto de Cebrián reforza o papel da praza central cun tratamento que permite que se converta nun auténtico centro  da vida social do barrio  polo seu uso polivalente que permitirá ocasionalmente aloxar outros usos alternativos.

A rúa Alemania trátase para mellorar o seu uso peonil e reforza a súa función de eixo principal, reordena o parque do mirador utilizando a topografía existente para crear o auditorio e outras instalacións que reforzan o seu carácter de gran parque e mirador sobre o río Lérez, tanto do barrio como de toda a cidade de Pontevedra.

Finalmente o xurado valorou a elección de materiais e plantacións que facilitarán as labores de conservación e mantemento dos espazos públicos que xunto coa calidade do espazo resultante e a mellora da circulación peonil fan que esta proposta teña acadado a maior puntuación.

 

Documentos relacionados

Documentos relacionados