• Ángeles Vázquez salienta que anualmente se convocan axudas para estes ámbitos que benefician
tanto a particulares como a concellos
• Sinala que Galicia apostou “fortemente” por este programa de actuación, coa declaración de
76 ARI municipais e tres supramunicipais, nas que se mobilizaron 185 millóns de euros nos últimos
25 anos
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia dará prioridade
ao estudo e análise do proxecto presentado polo Concello de Cortegada para a declaración da súa
primeira área de rehabilitación integral (ARI).
Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao
alcalde, Avelino de Francisco, co que mantivo recentemente unha audiencia para coñecer por
pormenores deste proxecto, xa aprobado polo pleno do Concello, co que se pretende rehabilitar un
ámbito do municipio ourensán.
Agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo analizará a documentación para destacar requirir
novos expedientes, de ser o caso, e sobre todo cotexar que a proposta se adapta aos criterios para
declarar unha ARI rural, pensadas para concellos de menos de 5.000 habitantes, tal e como é o caso
de Cortegada.
Deste xeito, os veciños poderán beneficiarse dos incentivos que anualmente se destinan ao
abeiro do programa de áreas de rehabilitación integral e que só nos de 2021 repartiu 10,2 millóns
de euros entre 40 ARI de 22 municipios.
Ángeles Vázquez lembrou que os municipios tamén poden acceder aos incentivos para recuperar
espazos públicos nos que se localicen vivendas a rehabilitar, con axudas de ata 2.000 euros por
cada vivenda na que se actúe.
Por último, destacou que Galicia é unha Comunidade que apostou “fortemente” por este
programa, como demostran as 76 ARI municipais e tres supramunicipais declaradas, nas que se
mobilizaron 185 millóns de euros nos últimos 25 anos.