Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou hoxe na reunión da Comisión de Seguimento da PLISAN, cuxas obras de urbanización da zona loxístico empresarial, xunto coa depuradora e a potabilizadora, rematarán en 2018

A XUNTA, A AUTORIDADE PORTUARIA E O CONSORCIO ZONA FRANCA DE VIGO ACORDAN CONVOCAR ANTES DE FINAIS DE ANO O CONCURSO DE VENDA DE SOLO NA PLISAN CUN PREZO DE 50 EUROS/ METRO CADRADO PARA OS PRIMEIROS 100.000 M2 VENDIDOS

- Vázquez Mourelle indica que as empresas que se asenten na PLISAN beneficiaranse do dereito de superficie, con adxudicación por 30 anos, prorrogables por outros 30 e cun canon anual do 1,5% do prezo de venda nos 2 primeiros anos
- Destaca que na reunión de hoxe tamén se acordou iniciar a creación dunha entidade de xestión para o mantemento dos servizos desta plataforma loxística
- A obra dos sistema xerais xa está rematada e supuxo a construción do viario, o alumeado e as conducións necesarias para os sistemas de abastecemento, saneamento, electricidade, gas e telecomunicacións
- A estación depuradora de augas residuais foi adxudicada, conxuntamente proxecto e obra, por importe de máis de 3 millóns de euros, e nestes momentos, estase a redactar o proxecto
- Paralelamente séguese avanzado coa tramitación da ETAP, xa que hoxe se autorizou o inicio da contratación das obras e en decembro se publicará a licitación para a súa execución en 2018, cun investimento de 6,3 millóns de euros

Vigo, 24 de novembro de 2017
.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou hoxe nunha nova reunión da Comisión de Seguimento da PLISAN, na que se acordou convocar antes de finais de ano o concurso de venda de parcelas co incentivo de que os primeiros 100.000 m² vendidos teñan un prezo de 50 € /m².

Nesta xuntanza, na que estiveron representadas a Xunta, a Autoridade Portuaria e o Consorcio Zona Franca de Vigo, tamén se ratificou que as empresas que se decanten pola PLISAN poderán acceder ao solo en dereito de superficie, nas mesmas condicións que nos parques da Xunta, con adxudicación por 30 anos, prorrogables por outros 30, e cun canon anual do 1,5% do prezo de venda nos 2 primeiros anos, podendo solicitarse un ano de carencia inicial; o 2,5% nos dous anos seguintes; e o 3,5% a partir do quinto ano.

Ademais, na reunión de hoxe acordouse iniciar a creación dunha entidade de xestión para o futuro mantemento das instalacións da plataforma loxística.

Vázquez Mourelle indicou que en canto aos traballos, nestes momentos está rematada a obra dos sistema xerais. Precisou que a actuación, cun investimento de 11 millóns de euros, supuxo a construción do viario, o alumeado e as conducións necesarias para os sistemas de abastecemento, saneamento, electricidade, gas e telecomunicacións, que dará servizo á totalidade das empresas que se instalen nas parcelas das áreas da PLISAN.

En canto á construción da estación depuradora de augas residuais, foi adxudicada conxuntamente proxecto e obra, por importe de máis de 3 millóns de euros. Nestes momentos, estase a redactar o proxecto e a previsión é executar a obra no ano 2018.

A conselleira sinalou que paralelamente séguese avanzado coa tramitación administrativa da estación de tratamento de auga potable, xa que hoxe se autorizou o inicio da contratación das obras, que correrán a cargo do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Deste xeito, en decembro publicarase xa a licitación para a súa execución ao longo de 2018, e cun investimento próximo aos 6,3 millóns de euros.

No encontro de hoxe tamén se aprobou a licitación da urbanización da zona loxístico-empresarial, que se encargará de desenvolver o Consorcio Zona Franca de Vigo. Actualmente está en tramitación a aprobación técnica do proxecto para urbanizar 400.000 m² de solo, uns traballos que suporán unha achega de máis de 12 M €. Ao igual que a potabilizadora, a previsión é que se inicie a contratación dos traballos da zona loxístico-empresarial en decembro, para levalos a cabo en 2018.