Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Os acordos implican a mobilización dun crédito de 36,8 millóns de euros ao ano

A XUNTA ASINA CONVENIOS CON CATRO ENTIDADES FINANCEIRAS PARA FACILITAR A PROMOCIÓN E ADQUISICIÓN DE 450 VIVENDAS PROTEXIDAS E A EXECUCIÓN DE 400 ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN CADA ANO

- Asinaron os convenios Banco de Santander, BBVA, Banco Etcheverría e Caixa Rural Galega, aínda que poderá adherirse ao convenio calquera outra entidade que o desexe
- Poderían beneficiarse anualmente  200 vivendas de promoción pública e 250 de promoción privada
- Co convenio para financiar vivendas protexidas de promoción privada e obras de rehabilitación búscase dar alternativas á falta de medidas financeiras no Plan de Vivenda
- Estes acordos activan o sector da vivenda coa inxección de liquidez para o financiamento, mellorando unha área especialmente afectada pola actual recesión económica
 
Santiago, 24 de setembro de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe convenios de colaboración con catro entidades financeiras para garantir o financiamento de un total de 850 actuacións en materia de vivenda de promoción pública e vivendas protexidas de promoción privada. O obxectivo é favorecer o acceso á vivenda impulsando o financiamento, tanto para promotores como para os compradores.
 
Os convenios asinados son dous, un para o financiamento de vivendas de promoción pública e outro para as vivendas protexidas de promoción privada. No día de hoxe asinaron o Banco de Santander, BBVA, Banco Etcheverría e Caixa Rural Galega, aínda que poderá adherirse ao convenio calquera outra entidade que o desexe.
 
Hernández explicou que este convenio ten como obxectivo facilitar cada ano o financiamento de 450 vivendas protexidas e 400 actuacións de rehabilitación, mobilizando un crédito duns 36,8 millóns de euros ao ano.
 
Ditos acordos establecen os mecanismos de colaboración para o financiamento, que incentiven as políticas de vivenda, co fin de activar un sector especialmente afectado pola situación económica actual.
 
A Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), complementa con esta iniciativa o Plan de Vivenda 2013- 2016 do Ministerio de Fomento, que xa non inclúe este tipo de medidas favorecedoras do crédito.
 
Vivendas de promoción pública
Este convenio ten como obxectivo é o financiamento das vivendas promovidas directamente polo IGVS ou por promotores privados e outros promotores públicos a través da figura das vivendas concertadas previstas na Lei de Vivenda. As vivendas concertadas son vivendas executadas por promotores públicos distintos do IGVS ou por promotores privados que se cualifican como de promoción pública e se alugan ou venden como tales, cos mesmos requisitos e axudas que corresponden ás vivendas de promoción pública que constrúe o IGVS.
 
No caso de vivendas de promoción pública construídas polo IGVS, o préstamo servirá para financiar a adquisición das vivendas por parte dos adxudicatarios en compravenda, xa que o IGVS non disporá do importe de dito préstamo, que se cancelará para aquelas vivendas que non se adxudiquen en compravenda.
 
No caso de promotores de vivendas concertadas, si existe a posibilidade de dispoñer do importe do préstamo. Prevese que a sinatura deste convenio permitirá financiar 200 vivendas de promoción pública cada ano.
 
Vivendas de promoción privada
Dado que o novo Plan de Vivenda non establece medidas destinadas a facilitar o acceso á compra de vivendas protexidas nin o acceso ao financiamento de obras de rehabilitación, a Xunta pretende establecer un instrumento que permita dar saída preferentemente a aquelas actuacións a executar en solos de desenvolvemento público ou en solos de reserva de planeamento con destino obrigatorio á construción de vivendas protexidas, así como á realización de obras de rehabilitación ao abeiro dos programas do IGVS.
 
No que se refire aos préstamos para a promoción de vivenda de protección autonómica, a amortización efectuarase nun período de 25 anos, en cotas mensuais.
 
En relación aos préstamos para a adquisición de vivendas de protección autonómica, a amortización realizarase nun período máximo de 30 anos, en cotas mensuais, coa posibilidade de efectuar amortizacións parciais ou totais do préstamo.
 
No caso dos préstamos para a rehabilitación de vivendas, no suposto de que os beneficiarios sexan promotores privados que rehabiliten os inmobles con destino a venta ou arrendamento as condicións son as mesmas que nos dous anteriores casos. Non obstante, se os beneficiarios son os propietarios das vivendas, a contía do crédito poderá acadar a totalidade do orzamento protexible, deducíndose as subvencións concedidas por calquera administración. A amortización realizarase no período de vixencia do préstamo, en cotas mensuais, podéndose efectuar amortizacións parciais ou total do préstamo.