- Ángeles Vázquez recorda que as contas do seu departamento para o ano 2022 son unha clara
mostra do compromiso do Goberno galego para que os cidadáns accedan a unha vivenda digna
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021.- A Xunta e a Valedora do Pobo
manteñen un ano máis a súa colaboración para divulgar e informar das medidas do Goberno galego que
permitan ás familias manter os seus fogares.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a valedora, María
Dolores Fernández Galiño, renovaron hoxe o convenio de colaboración que ten por obxectivo
intercambiar información de forma áxil e fluída sobre as persoas afectadas en Galicia por
procedementos de execucións hipotecarias e desafiuzamentos por impagamento.
Ángeles Vázquez agradeceu o apoio desta institución -que desde 2015 colabora co Instituto
Galego da Vivenda e Solo- por brindar protección e proporcionar resposta ás necesidades sobre todo
das persoas máis vulnerables a nivel social, dando a coñecer as medidas orientadas a procurar a
efectividade do dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada.
Nesa liña, a conselleira salientou que o orzamento en materia de vivenda para o ano 2022 ten
por obxectivo facilitar a emancipación das persoas mozas; facer máis social o parque de vivenda,
para apoiar ás persoas que teñen maiores dificultades; e seguir apoiando as actuacións en materia
de rehabilitación.
A modo de exemplo, citou dúas medidas novas que impulsará o seu departamento, como a
concesión de avais —por parte da Xunta— aos menores de 35 anos para a compra da primeira vivenda en
propiedade, unha nova liña de actuación que se convocará cun orzamento inicial de 5 millóns de
euros, para conceder avais dun 15% do crédito.
Outra das medidas que se impulsará o vindeiro ano, en colaboración coa Consellería de
Política Social, está dirixida a aquelas persoas en situación de exclusión que reciben atención de
entidades de servizos sociais, aos que se lles sufragará os gastos do alugueiro.
O encontro tamén serviu para trasladar á valedora que Galicia analizará agora o texto da Lei
de vivenda –que onte foi aprobada na reunión do Consello de Ministros-, pois ata o momento non tiña
información do mesma, a pesar de que se solicitou o texto e a celebración dunha conferencia
sectorial para coñecer os principais puntos desta normativa, cuxa competencia recae nas
comunidades.
Lamentou a actitude do Goberno central ante unha cuestión tan seria e importante como é a
vivenda e denunciou a falta de respecto institucional do Estado non só con Galicia, senón co
conxunto das rexións; e mesmo coas entidades locais, que deberán ser as que executen o anunciado
incremento do IBI ás vivendas baleiras.