Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

XUNTA E CONCELLO DA CORUÑA APOSTAN POLO PROGRAMA REXURBE PARA REVITALIZAR O CENTRO HISTÓRICO POLA VÍA DA REHABILITACIÓN

• Dos 1,5 millóns de euros que destinará este ano o IGVS ao programa, 1 millón está reservado á adquisición de inmobles deteriorados na cidade herculina
• Ángeles Vázquez subliña que, como novidade, a zona na que se pretenden mercar edificios para destinalos a vivenda protexida estenderase tamén á Cidade Vella
• Anima ao Concello a darlle un pulo definitivo á nova Área Rexurbe, declarada o ano pasado e cuxo ámbito de acción coincide co do programa de compra de inmobles


A Coruña, 19 de abril de 2021.-
A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña presentaron esta mañá os detalles e obxectivos principais da última convocatoria do chamado Programa Rexurbe, unha iniciativa que ten como fin a adquisición e rehabilitación de inmobles deteriorados ou en estado de semiabandono en conxuntos históricos e zonas degradadas e coa que este ano se pretende revitalizar o corazón da Cidade Vella coruñesa.

Ante unha ampla representación das asociacións coruñesas de veciños, empresarios e comerciantes, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola alcaldesa Inés Rey, explicou que no marco da cuarta convocatoria do Rexurbe, a oferta pública deste ano para a compra de inmobles para rehabilitar centrarase nos centros históricos dos concellos de Ribadavia, Tui e A Coruña.

Dos 1,5 millóns de euros reservados para o programa en 2021, engadiu que 1 millón está reservado só á cidade herculina, polo que pediu a colaboración e implicación tanto da súa veciñanza como do tecido económico e empresarial para garantir que se cumpran os seus obxectivos. Ademais, como novidade, a conselleira indicou que poderán presentar as súas propostas propietarios de inmobles situados na zona de Orzán-Panadeiras e tamén na Cidade Vella, á que se decidiu estender este ano a convocatoria.

Deste xeito, tal e como explicou, o ámbito no que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pretende mercar edificios para rehabilitar “coincide plenamente” coa Área Rexurbe da Coruña, declarada o ano pasado e que abrangue a zona coñecida como Pescadería –San Andrés, Orzán e Panadeiras- e a Cidade Vella –a contorna entre as prazas de Santa Bárbara, Santo Domingo, Azcárraga e a Colexiata de Santa María do Campo-.

Ángeles Vázquez subliñou que con esta decisión se busca estender ao máximo posible o ámbito no que se poderán adquirir inmobles co fin de rehabilitalos e habilitar máis vivenda pública no centro histórico da cidade. Tras lembrar que o prazo para que os propietarios interesados participen na convocatoria permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de xullo, a conselleira incidiu no “ dobre beneficio” que terá o programa para esta zona da Coruña, xa que permitirá obter vivendas públicas que revitalicen o barrio, e tamén locais comerciais nos que se poderán implantar iniciativas empresariais dinamizadoras para a zona.

“Este ano, coa colaboración institucional e co ánimo de perseguir o obxectivo da Administración local e tamén da Administración autonómica de poñer en valor a cidade da Coruña, traballaremos a reo. E agardamos que o éxito sexa total”, declarou.

Na mesma liña, a alcaldesa da Coruña explicou que tras unha primeira convocatoria do Rexurbe na Coruña marcada pola pandemia, este ano estase realizando un traballo intenso para trasladar toda a información relativa ao programa a particulares e propietarios susceptibles de participar. Así, subliñou que ata o momento xa se teñen inventariados 37 inmobles entre a Cidade Vella e o Orzán que poderían entrar na oferta pública de 2021 e se segue a traballar co obxectivo de chegar ao maior número posible.

Cómpre lembrar que as vivendas resultantes cualificaranse como vivendas de promoción pública (VPP) e pasarán a integrar o parque público residencial da cidade, adxudicándose en réxime de alugueiro a través do Rexistro único de demandantes de vivenda, no que, apuntou a conselleira, agora mesmo hai algo máis de 2.200 coruñeses inscritos.

A modo de exemplo, lembrou tamén que desde a primeira convocatoria do Programa Rexurbe, no ano 2018, a Xunta adquiriu xa un total de 76 inmobles en nove localidades, dos cales prevense obter 131 VPP. Co fin de darlle continuidade ao esforzo realizado nos últimos catro anos, a conselleira engadiu que nos orzamentos de 2021o seu departamento destinará máis de 10 millóns tanto a rehabilitar o patrimonio edificatorio xa adquirido, como a mercar novos inmobles nos tres concellos incluídos na oferta Rexurbe de 2021.

A Área Rexurbe, unha oportunidade para a cidade
Tras lembrar que este programa para a compra de inmobles en centros históricos coincide coa filosofía e os obxectivos das chamadas Áreas Rexurbe, a conselleira aproveitou a ocasión para animar ao concello coruñés a seguir desenvolvendo esta figura, creada pola Lei de rehabilitación co fin de rexenerar e dinamizar de forma integral espazos públicos e axudar a captar axudas e investimentos privados para financiar actuacións de rehabilitación.

Neste sentido, compre subliñar que A Coruña foi o segundo municipio galego en declarar a súa propia Área Rexurbe, en xuño do ano pasado. Así, Ángeles Vázquez animou á alcaldesa a seguir dando pasos e impulsar as actuacións concretas coas que prevé revitalizar o ámbito incluído baixo esta figura, lembrando que o pasado mes de febreiro o Consello da Xunta aprobou o plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo, elaborado polo concello lucense como a folla de ruta a seguir en canto a obxectivos e liñas estratéxicas de acción.

Ademais, a aprobación do seu propio plan de dinamización e a posta en marcha do centro ou oficina Rexurbe da Coruña, segundo dixo a conselleira, tamén lle facilitarían ao concello a xestión integral dos barrios incluídos na mesma, ao tempo que axudaría a captar e recibir máis fondos europeos destinados á vivenda no marco do plan de recuperación económica, parte dos cales serán xestionados polos concellos.