Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE SOMETERÁ EN EN BREVE A INFORMACIÓN PÚBLICA A AMPLIACIÓN DO PARQUE TECNOLÓXICO E LOXÍSTICO DE VIGO

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con membros da Confederación de Empresarios da Provincia de Pontevedra aos que lles trasladou este avance na tramitación desta área empresarial en Valladares
• Recorda que a Xunta activou bonificacións para reactivar a compra de solo empresarial, que se traduciron en máis de 60 millóns de euros nos últimos catro anos
• Na actualidade en Galicia hai 1,25 millóns de euros de solo dispoñible; dos cales máis de 275.000 se atopan na provincia de Pontevedra, nos concellos de Silleda, Lalín, Pontecaldelas, Mos e Arbo
• Vázquez Mejuto tamén informou da situación actual dos proxectos sectoriais que desenvolven o Campus do Mar na Etea e avanzou que ao longo de maio o Diario Oficial de Galicia publicará o informe ambiental do plan sectorial da área de viarios, espazos libres e infraestruturas

Vigo, 30 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé someter a información pública nos vindeiros días a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos membros da Confederación de Empresarios de Provincia de Pontevedra, cos que mantivo unha reunión de traballo para abordar a situación do solo empresarial na provincia de Pontevedra.

Explicou que despois de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tramitara o correspondente proxecto sectorial necesario para a ampliación -promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, na zona de Valladares-, o seguinte paso é sometelo a información pública para avanzar cara á aprobación do mesmo.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que a ampliación habilitará máis de 250.000 m2 máis para o asentamento de empresas neste parque empresarial, cunha edificabilidade máxima de 165.000 m2; e que foi posible grazas á modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 29 de novembro.

Recordou que en Galicia hai máis de 1,25 millóns de metros cadrados dispoñibles á venda, con bonificacións do 30 ou do 50% dependendo da zona. Unha medida posta en marcha pola Xunta e que permitiu adxudicar 1,45 millóns de m2, ata o ano 2018, o que se traduce nun orzamento de 60 millóns de euros en bonificacións.

Concretou que o solo dispoñible na provincia de Pontevedra ascende a máis de 278.500 m2 e están localizados nos parques de Silleda, Lalín, Pontecaldelas, Mos e Arbo; unha superficie que se verá incrementada grazas ao desenvolvemento da zona loxística empresarial da Plisan, da que xa se teñen iniciado as obras de urbanización. Recordou que no conxunto da Comunidade o solo dispoñible para a venda alcanza os 1,25 millóns de m2.

Nese sentido, destacou que o Goberno galego aposta por desenvolver bolsas de solo empresarial para facilitar o asentamento de empresas, así como por medidas que fomenten a súa ocupación, coa finalidade de crear emprego.

Campus do Mar
Outro dos temas abordados na reunión foi a situación actual da tramitación dos distintos plans sectoriais que desenvolven o Plan sectorial do Campus Científico- Tecnolóxico do Mar na Etea, en Vigo.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o departamento que dirixe segue a traballar na tramitacións dos tres plans sectoriais deste proxecto e, no caso concreto, do referido á área de viarios, espazos libres e infraestruturas xa conta co informe ambiental estratéxico, polo cal o seguinte paso é publicalo no Diario Oficial de Galicia. No caso do plan relativo á área de usos complementarios, nos próximos días emitirase tamén o informe ambiental.

O proxecto sectorial da área científico-tecnolóxica é o que ten a tramitación máis avanzada e hoxe mesmo remata o período de información pública, que se iniciou en febreiro. No momento no que se analicen as alegacións, e se conten cos informes sectoriais, realizaranse as modificacións que resulten oportunas, con fin de aprobalo en Consello da Xunta.