• O Goberno galego, en función das solicitudes dos concellos, distribuirá os fondos
dispoñibles, asinaranse os correspondentes convenios e os municipios convocarán as axudas
• A estas subvencións poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas
individuais e as comunidades de propietarios
• Tamén poderán beneficiarse das axudas os concellos para destinalas á urbanización do
ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación
• A Xunta tamén achega preto de 2,9 millóns á ARI dos Camiños de Santiago, cuxo prazo para a
presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de outubro
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2018.- A Xunta destinará case 18 millóns
de euros ás actuacións de rehabilitación de vivendas nas áreas de rehabilitación integral (ARI)
declaradas en 41 concellos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se
abre o prazo para solicitar a participación no programa de fomento da rexeneración e renovación
urbana e rural do Plan de vivenda 2018–2021, que se executa a través das ARI.
A resolución establece un prazo dun mes para que os concellos que teñen unha ou máis ARI no
seu ámbito municipal soliciten a súa participación no reparto dos fondos destinados en 2018. No
seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/1HzHbX
En función das solicitudes presentadas polos concellos con áreas de rehabilitación
declaradas, a Xunta realizará o reparto dos fondos dispoñibles. Posteriormente, os municipios
deberán asinar os correspondentes convenios e procederán á convocatoria das axudas, que poderán
solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.
A estas axudas poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas
individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes
asociativos de xestión.
Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do
ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola
Xunta.
Subvencións
O importe das axudas contemplan ata o 40 % do custe subvencionable da actuación. Este límite
poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o
IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que existen
persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
A achega máxima da axuda por vivenda será da seguinte contía:
• 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.
• 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
• 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por construída para as
actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
• 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as
obras e ata un máximo de 3 anos.
• 1.000 euros por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e
oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.
Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan
menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
O importe das axudas autonómicas terán a contía máxima seguinte:
• 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención exceda
do 10 % do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.
• 1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para
financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de
acompañamento social.
Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago
Á convocatoria de hoxe cómpre sumar a da Xunta, que destinará preto de 2,9 millóns de euros
ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas no marco da ARI dos Camiños de
Santiago.
O prazo para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivendas interesados
nestas axudas está aberto ata o vindeiro 31 de outubro.
O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de
financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 por cento do orzamento e 4.000 de
financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.
Actualmente Galicia conta con 69 áreas de rehabilitación integral declaradas en 41 concellos
ademais da ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 445 parroquias de 107 concellos das catro
provincias galegas.