A Coruña, 27 de maio de 2009.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou esta mañá que se reformará na súa integridade o Plan
Sectorial de Solo Residencial, coa fin de poder consesualo da forma más ampla posible. Hernández
fixo estas declaracións no transcurso dunha xornada sobre a Lei de Vivenda de Galicia, que se
celebrou esta mañá na cidade da Coruña e ante os membros da Asociación de Promotores Inmobiliarios.
Para Hernández, o Plan foi redactado sen contar coa opinión dos concellos e sen coordinalo cos
Plans Xerais de Ordenación Municipal que se atopan en redacción. O único resultado que acadou foi
unha grande presentación de alegacións. Ante esta situación, “o novo Goberno da Xunta decidiu
redactar un novo Plan Sectorial de Solo Residencial que lle dea resposta ás necesidades de Galicia
nesta materia”. Como paso previo a esta redacción, o conselleiro anunciou que se buscará un amplo
consenso coas Administracións locais. “O Plan actual foi feito por unha consellería que non tiña
competencias en territorio, precisamente para saltarse a outra consellería doutra cor política que
si tiña esas competencias. Como agora non temos ese problema, faremos as cousas dun xeito
coordinado, sen precipitacións e buscando o diálogo coa Fegamp e os concellos”, anunciou. Agustín
Hernández sinalou que esta reformulación do Plan non implicará unha demora significativa respecto
da situación actual, xa que o documento presentado pola anterior consellería non superou a fase de
información pública e tivo tal nivel de alegacións e de contestación que “pode dicirse que estaba
paralizado e case finiquitado”. Plan de Vivenda O conselleiro lembrou que hai cinco anos, o Goberno
da Xunta apoiado polo Partido Popular colocaba a Galicia á cabeza de España en cumprimento do Plan
de Vivenda, tanto en materia de promoción de novas vivendas de protección como en axudas para a
adquisición de vivendas construídas ou en rehabilitación. Foi precisamente o Instituto Galego da
Vivenda e Solo o que botou a andar as primeiras áreas de rehabilitación que funcionaron en toda
España, e cun éxito tal que o modelo estendeuse a toda Galicia e foi copiado por outras
Administracións autonómicas. “Sen embargo, nos últimos anos, o goberno bipartito centrou a súa
actividade no desenvolvemento de actuacións normativas grandilocuentes que o único que conseguiron
foi crear un ambiente de inseguridade xurídica, de protestas e de malestar en tódolos ámbitos”,
afirmou. Explicou que o actual equipo do IGVS atopouse “os deberes sen facer” en relación co Plan
de Vivenda 2009-2012, aínda sen asinar, e sobre o que se está a traballar con dilixencia para
formalizado o antes posible co Goberno Central e fixar os novos obxectivos e o financiamento.
Rexistro de demandantes Outro dos avances nos que está a traballar a Consellería é no rexistro de
demandantes de vivenda protexida de Galicia, organismo imposto polo Decreto estatal que regula o
Plan de Vivenda e creado no marco do Plan de Vivenda 2006-2009 como un instrumento co que se
pretendía obter información sobre a demanda de vivenda protexida en toda Galicia, e axilizar e
facer transparente a súa adxudicación. Hernández afirmou que “coa aplicación feita polo bipartito o
único que se logrou foi alongar de maneira innecesaria os prazos e trámites para a adxudicación e
venda das vivendas protexidas, empregando este elemento como instrumento de propaganda”. A actual
Xunta revisará os procedementos establecidos para o funcionamento do rexistro e a adxudicación de
vivendas, adoptando as medidas precisas para que este instrumento deixe de ser un estorbo para
todos e cumpra os obxectivos para os que foi creado. Trátase de facilitarlle o acceso á vivenda
protexida aos sectores da poboación interesados nela e que cumpren os requisitos establecidos nas
correspondentes normativas, ademais de reducir os prazos ao mínimo. Tamén é fundamental que a
información sobre demanda que achega o rexistro reflicta a demanda real de vivenda protexida e os
lugares onde esta se concentra.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS