Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o alcalde de Santiago avanzan no proxecto que permitirá a construción de 36 novas vivendas de promoción pública na capital de Galicia

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS AO ALUGUEIRO CUBRIRÁ ATA O 40% DA RENDA E PERMITIRÁ BENEFICIAR A 2.200 FAMILIAS CADA ANO

 

- O DOG publica hoxe a Orde pola que se aproban as bases que regulan estas axudas
- Concederanse por un prazo de doce meses, prorrogables ata o remate do Plan, ás familias cuxos ingresos non sexan tres veces superiores ao Iprem e cando a renda de alugueiro non supere os 600 euros ao mes
- A conselleira de Infraestruturas adianta que a Xunta convocará a comezos de 2015 un concurso público para a execución de vivendas de promoción públicas en Lamas de Abade en permuta pola parcela que o IGVS ten na avenida de Xoán XXIII e que leva inutilizada máis de 50 anos
- A empresa gañadora do concurso público poderá acceder á parcela de Xoán XXIII unha vez que teña rematadas as vivendas de promoción pública no barrio de Lamas de Abade

 

Santiago, 10 decembro de 2014.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a nova convocatoria de axudas ao alugueiro, que, xunto con outros programas de apoio do aluguer, permitirá beneficiar a 2.200 familias cada ano. Así o dixo tras o encontro que mantivo co alcalde de Santiago, Agustín Hernández, no que abordaron o proxecto de construción de 36 novas vivendas de promoción pública na capital de Galicia.
Segundo salientou Ethel Vázquez, oDiario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se aproban as bases reguladoras do novo programa de axuda ao aluguer de vivenda, que permitirá comezar a aplicar en Galicia o Plan Estatal de Fomento de Aluguer de Vivenda, a Rehabilitación Edificatoria, e a Rexeneración e Renovación Urbanas, que entrou en vigor a semana pasada.
 
As axudas reguladas hoxe son as primeiras en desenvolver o Plan de alugueiro e rehabilitación e teñen por obxecto facilitar o acceso e a permanencia nunha vivenda en réxime de aluguer a persoas físicas con escasos medios económicos, mediante a subvención dos custos de aluguer. A Orde publicada hoxe completarase en breve coa Resolución pola que se abre o período de solicitude das axudas, que tamén será publicada no DOG.
 
A conselleira subliñou que estas axudas cubrirán ata o 40% da renda de alugueiro, que non poderá superar os 600 euros mensuais. Concederanse por un prazo de doce meses, prorrogables ata o remate do Plan, ás familias cuxos ingresos non sexan tres veces superiores ao Iprem.
 
Novas vivendas públicas en Santiago
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez destacou a aposta do Goberno galego por facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar durante o encontro que hoxe mantivo co alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e no que avanzaron sobre o novo proxecto de construción de vivendas públicas na capital de Galicia.
 
Ethel Vázquez subliñou que a Xunta traballa na busca de solucións para construír novas vivendas de promoción pública na comunidade e no caso de Santiago de Compostela, o Goberno galego constata que este concello ten unha elevada demanda deste tipo de inmobles a prezos subvencionados.
 
Para darlle resposta, a conselleira avanzou que se levará a cabo unha proposta formulada polo concello, pola que se aproveita o solo que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten en propiedade para permutalo, permitindo a construción de novas vivendas para ser entregadas ás familias que máis o necesitan.
 
Así, avanzou que a Xunta de Galicia convocará a principios do ano 2015 un concurso público para construír 36 vivendas de promoción pública en dúas parcelas de Lamas de Abade que xa son propiedade do IGVS mediante a entrega da parcela que o IGVS posúe en Xoán XXIII e que leva inutilizada máis de 50 anos.
 
A empresa gañadora do concurso público poderá acceder á parcela de Xoán XXIII unha vez que teña rematadas as vivendas de promoción pública no barrio de Lamas de Abade.
 
A responsable de Territorio cualificou esta operación como equilibrada, posto que a parcela está valorada en 2,9 millóns de euros, custe equivalente ao de construción das 36 vivendas de promoción pública. Tamén destacou que este proxecto é xusto, xa que os posibles beneficios da venda da parcela repartiranse entre máis familias e, sobre todo, entre os que máis o necesitan.
 
Ethel Vázquez indicou que esta operación é “de sentido común”,  pois  supón darlle uso a un terreo que é público desde hai máis de 50 anos e que ningún Goberno ata o de agora soubo qué facer con el. Engadiu que todo o facemos polo mellor sistema para as arcas públicas: o concurso público, de xeito que as empresas que queiran optar a esta oportunidade poderán propoñer melloras ás condicións das que estamos falando.