Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA FOMENTARÁ A CONSTRUCIÓN DE ALOXAMENTOS PROTEXIDOS EN ALUGUEIRO CON AXUDAS POR IMPORTE DE MÁIS DE 850.000 EUROS

Os aloxamentos protexidos son unha modalidade para o acceso á vivenda, en réxime de alugueiro, destinada a colectivos especialmente vulnerables e colectivos específicos
Os promotores de ditas vivendas recibirán unha axuda da Xunta de 200 euros por metro cadrado de superficie útil
Tamén poden obter axudas estatais, xa que se trata de vivendas acollidas ao Plan de Vivenda 2009-2012
 
Santiago, 11 de abril de 2012.- A Xunta de Galicia destinará este ano un total de 850.436 euros a potenciar a construción de aloxamentos protexidos en alugueiro ao abeiro do Plan de Vivenda 2009-2012, segundo establece a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
 
As axudas, que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, están destinadas a favorecer a construción de aloxamentos protexidos, un tipo de vivenda en alugueiro destinado a colectivos especialmente vulnerables e outros colectivos específicos.
 
Os promotores de ditos aloxamentos protexidos recibirán unha axuda de 200 euros por cada metro cadrado de superficie útil de aloxamentos protexidos. Tamén se subvencionará a superficie destinada a servizos comúns, que non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.
 
Os promotores interesados deberán presentar as solicitudes no Instituto Galego da Vivenda e Solo, dispoñendo dun mes de prazo a partir de mañá. A promoción para a que se soliciten as axudas terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade ao 15 de xaneiro de 2012.
 
Os aloxamentos protexidos son un tipo especial de vivenda protexida destinada, en réxime de alugueiro, a colectivos especialmente vulnerables, como as seguintes:
 
-       Unidades familiares con ingresos que non excedan de 1,5 veces o IPREM,
 
-       Menores de 35 anos e maiores de 65 anos.
 
-       Vítimas do terrorismo e da violencia de xénero.
 
-       Afectados por situacións catastróficas.
 
-       Persoas dependentes ou con discapacidade e as familias que as teñan ao seu cargo.
 
-       Persoas separadas ou divorciadas ao corrente do pago das pensións.
 
-       Persoas sen teito ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo.
 
Asemade, os aloxamentos protexidos poden destinarse a colectivos específicos, formados polas persoas que integran a comunidade universitaria ou investigadores e científicos.
 
Os aloxamentos deben contar cunha superficie útil de entre 40 e 45 metros cadrados, aínda que ata o 25 por cento de cada promoción poderá chegar aos 90 metros cadrados útiles. Ademais, os edificios nos que se atopan poden contar con espazos destinados a servizos comúns, cuxa superficie non poderá superar o 30 por cento da superficie destinada a aloxamentos.
 
As vivendas construídas ao abeiro destas axudas deberán ofrecerse en réxime de alugueiro durante un prazo de 30 anos.
 
Os promotores dos aloxamentos tamén poden obter axudas estatais, consistentes en préstamo cualificado, subsidiación e subvencións.
 
Máis información: http://igvs.es/web/actuamos/494#PUNTOIB