Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O Goberno galego destinará nos dous próximos anos máis de 11,53 millóns de euros ao aluguer, que facilitará o acceso á vivenda a máis de 3.000 familias

A XUNTA ABRE A CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA O PROGRAMA ALUGA CORRESPONDENTE AO ANO 2012

-      O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se regula a convocatoria de axudas de 2012
-      O Consello da Xunta da semana pasada aprobou o gasto plurianual do programa para 2012 e 2013, que acadará 7.723.000 euros. A esta contía hai que sumar outros case 4 millóns de euros correspondentes aos contratos de aluguer asinados en 2011 e que teñen anualidade en 2012
-      A subvención sitúase entre o 30 e o 70 por cento do alugamento, en función das condicións económicas da familia
 
Santiago, 27 de decembro de 2011.- A Xunta de Galicia abre a convocatoria de axudas para o programa Aluga, o que permitirá aoInstituto Galego da Vivenda e Solo destinar nos próximos dous anos un total de 11.531.512 euros a axudas ás familias beneficiarias de vivendas en réxime de alugamento a través do programa Aluga. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se regula a convocatoria de axudas de 2012, despois de que o Consello da Xunta de Galicia aprobara, na súa reunión da semana pasada, os compromisos de gasto plurianuais para 2012 e 2013, dado que as axudas do programa Aluga se conceden para períodos de doce meses, de maneira que a maior parte dos contratos asinados en 2012 terán tamén anualidades en 2013.
 
O compromiso de gasto aprobado ascende a 7,72 millóns de euros. A esta contía hai que sumar outros 3.808.512 euros incluídos no orzamento do IGVS, correspondentes aos contratos de aluguer asinados en 2011 e que teñen anualidade en 2012. Deste xeito, a contía total ascende a 11.531.512 euros.
 
As axudas están dirixidas aos inquilinos para o financiamento parcial da renda, nunha porcentaxe que vai desde un 30% ata un 70%, segundo o tramo de ingresos. A axuda incrementase en 10 puntos porcentuais cando se trate de vítimas de violencia de xénero. O número estimado de beneficiarios cífrase en máis de 3.000.
 
O Programa Aluga, que entrou en vigor a comezos de agosto de 2010, está dirixido ao fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia. A través del poden acceder ás axudas para o aluguer todos os interesados con ingresos inferiores a 3,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (Iprem), inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e residentes en Galicia ou que desenvolvan o seu traballo na nosa comunidade autónoma.
 
Condicións dos beneficiarios
Para acceder aos beneficios do Programa Aluga os solicitantes deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:
·        Ingresos anuais ponderados entre 0,7 e 3,5 veces o Iprem. O límite mínimo de ingresos (0,7 veces o Iprem) non será preciso acreditalo no caso de colectivos cualificados, que se definen máis adiante
·        Estar inscritos ou anotados no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda (Sección 4ª, Demandantes de vivenda en réxime de arrendamento incorporada ao Programa Aluga)
·        Non ser titulares de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou desfrute sobre algunha vivenda
·        Estar ao día na súas obrigas tributarias
·        Residir ou desenvolver a súa actividade laboral nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia
·        Non estar recibindo axudas para o aluguer da Xunta de Galicia. Non poderán acceder ás axudas do Programa Aluga os que xa recibiron axudas para o aluguer durante cinco anos, excepto cando xa transcorresen dous anos desde a última mensualidade subvencionada
 
No proceso de selección de inquilinos para as vivendas incorporadas ao Programa Aluga terán preferencia as unidades familiares ou de convivencia con ingresos que non superen 2,5 veces o Iprem e, dentro dese rango de ingresos, os colectivos definidos como prioritarios e os cualificados, que son os seguintes:
 
Os colectivos prioritarios, dentro dos distintos tramos de ingresos, son os seguintes:
·        Menores de 35 anos e maiores de 65.
·        Familias numerosas.
·        Familias monoparentais con fillos.
·        Persoas separadas ou divorciadas, ao día no pagamento de pensións alimenticias e compensatorias, se é o caso.
·        Os considerados “colectivos cualificados” que se definen a continuación.
 
Os colectivos cualificados son as unidades familiares ou de convivencia con ingresos anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o Iprem que pertenzan a algún dos seguintes grupos:
·        Mulleres vítimas de violencia de xénero.
·        Persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecida, e as familias que as teñan ao seu cargo.
 
 
·        Emigrantes retornados, nos dous anos anteriores á presentación da solicitude.
·        Perceptores da renda de integración social (Risga).
·        Perceptores de pensións.
 
Axudas a inquilinos
A porcentaxe de subvención ao aluguer vai desde un 30% ata un 70%, mentres que no antigo programa de vivenda ao aluguer a subvención máxima era do 60%.
 
A contía da axuda fíxase en atención a porcentaxes máximas sobre a renda mensual do aluguer, segundo tramos de ingresos e colectivos:
 
TRAMOS
COLECTIVOS XERAIS
Ata 1 Iprem
70%
Desde 1 ata 2 Iprem
60%
Desde 2 ata 2,5 Iprem
50%
Desde 2,5 ata 3,5 Iprem
30%
 
No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero a subvención increméntase en 10 puntos porcentuais, de maneira que irán do 40 ao 80 por cento.
 
A axuda concédese por un período de doce meses e poderá solicitarse ata un máximo de cinco anualidades.