Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE ALOXAMENTOS PROTEXIDOS POR IMPORTE DE MÁIS DE 1,6 MILLÓNS DE EUROS

-         Os promotores dos aloxamentos recibirán axudas de 500 ou 320 euros por metro cadrado útil segundo o destino dos aloxamentos
-         Os aloxamentos protexidos son vivendas de entre 40 e 45 metros cadrados, con servizos comúns no mesmo edificio.
-         Destínanse ao alugueiro por colectivos especialmente vulnerables ou por membros da comunidade universitaria e investigadores.
 
Santiago, 16 de febreiro de 2011.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo xestionará este ano un total de 1.627.675 euros destinados a subvencionar a promoción de aloxamentos protexidos ao abeiro do Plan de Vivenda 2009-2012. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se convocan ditas subvencións para o ano 2011, na que se regulan as condicións, o importe das axudas e o procedemento de adxudicación das mesmas.
 
Os aloxamentos protexidos están a medio camiño entre a vivenda tradicional e a colectiva. Trátase de vivendas cunha superficie útil entre 40 e 45 metros cadrados destinadas ao alugueiro por parte de colectivos vulnerables ou colectivos específicos. Os edificios de aloxamentos protexidos poden contar con servizos comúns ou asistencias dirixidos aos arrendadores dos mesmos, inda que a superficie de ditos servizos non poderá exceder do 30 por cento da superficie total do conxunto de aloxamentos existentes.
 
Considéranse colectivos vulnerables os seguintes:
 
  • As unidades familiares con ingresos que non excedan de 1,5 veces o IPREM.
  • Os xóvenes menores de 35 anos e persoas maiores de 65 anos.
  • As vítimas de terrorismo e da violencia de xénero.
  • Os afectados por situacións catastróficas.
  • As persoas dependentes ou con discapacidade e as familias que as teñan ao seu cargo.
  • As persoas separadas ou divorciadas ao corrente do pago das pensións.
  • As persoas sen fogar ou procedentes do chabolismo.
 
Mentres que os colectivos específicos están compostos polas persoas da comunidade universitaria ou investigadores e científicos
 
Subvencións
 
A contía das subvencións aos promotores de aloxamentos protexidos será a seguinte:
 
  • 500 euros por metro cadrado de superficie útil de aloxamentos e servizos comúns candos e trate de aloxamentos dirixidos a colectivos vulnerables
  • 320 euros por metro cadrado de superficie útil de aloxamentos e servizos comúns candos e trate de aloxamentos dirixidos a colectivos específicos
 
As solicitudes deberán presentar ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo de un mes a contar dende o 17 de febreiro.