Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O Goberno galego considera imprescindible manter as axudas ás oficinas de rehabilitación

GALICIA SERÁ UNHAS DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS MÁIS PREXUDICADAS POLOS RECORTES ANUNCIADOS ONTE POR VIVENDA

-         As familias con menores ingresos económicos serán as máis afectadas pola eliminación da Axuda Estatal Directa á Entrada
-         Os programa de aluguer verase moi afectado pola redución dos incentivos aos promotores de vivendas protexidas en alugueiro, precisamente no momento en que máis interese amosaban por esta liña de actuación en Galicia
-         A rehabilitación sufrirá o recorte de financiamento para as oficinas municipais de rehabilitación (34 en Galicia), cuxo funcionamento se pon en risco
 
Santiago, 28 de xullo de 2010.- Galicia será unha das comunidades autónomas máis prexudicadas pola decisión do Ministerio de Vivenda de eliminar a axuda á entrada e o financiamento das oficinas de rehabilitación e a redución de outras axudas, dado que a nosa é unha das comunidades que tradicionalmente mellor cumpren os obxectivos dos sucesivos planes de vivenda, de maneira que serán moitas as familias que se vexan negativamente afectadas pola redución das axudas estatais. En total estímase que Galicia perderá arredor de 150 millóns de euros coa redución das axudas. O Goberno galego considera imprescindible manter as axudas ás oficinas de rehabilitación
 
 
A eliminación da Axuda Estatal Directa á Entrada farase fundamentalmente a costa dos máis desfavorecidos, que son as familias de ingresos reducidos que dependen das axudas públicas para poder acceder á súa vivenda, xa que o importe das axudas do Plan increméntanse segundo se reducen os ingresos dos adquirentes.
 
Desta maneira, as familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), deixarán de percibir 8.000 euros de axudas, que se converten en 9.000 no caso de menores de 35 anos, 11.000 cando se trata de mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas separadas ou divorciadas. A axuda que o Ministerio de Vivenda eliminará acada os 12.000 euros para as familias numerosas, as familias monoparentais con fillos e as persoas dependentes ou con discapacidades e as familias que os teñan ao seu cargo.
 
O alto cumprimento de obxectivos por parte de Galicia, que nos planes de vivenda 2002-2005 e 2005-2008 superou o dobre dos obxectivos previstos, levouna sempre a participar no reparto do 20 por cento de financiamento adicional da denominada reserva de eficacia, que agora o Ministerio suprime e que para Galicia pode supoñer a perda de arredor de 115 millóns de euros no plan actual.
 
Ademais, a eliminación dunhas axudas e a redución de outras vai ter consecuencias graves sobre a promoción de vivendas protexidas en Galicia, tanto para compravenda como para alugueiro, así como na rehabilitación.
 
A supresión da Axuda Estatal Directa á Entrada por parte do Ministerio de Vivenda suporá ao mesmo tempo a eliminación dun dos aspectos que en Galicia facía atractiva a vivenda protexida para os adquirentes. Mentres noutras comunidades autónomas os prezos da vivenda libre son moi superiores aos da vivenda protexida (prezo que está limitado polo Plan de Vivenda), en Galicia a vivenda libre mantense, salvo excepcións, en prezos próximos aos da protexida, de maneira que son as axudas o principal aliciente para que os adquirentes se decidan pola vivenda protexida fronte á libre. A eliminación das axudas pode levar aos compradores a decantarse pola vivenda libre, que carece das limitacións para a súa posterior venda e sobre o prezo da mesma que teñen as protexidas. Este feito podería levar a movementos especulativos arredor da vivenda libre que supoñan un incremento do seu prezo en Galicia, anulando o traballo de décadas que levou a que os prezos da vivenda en Galicia se situaran entre os máis baratos de España e con incrementos por debaixo da media.
 
A opción pola vivenda libre pode levar á desaparición da promoción privada de vivendas protexidas, agravado pola supresión das subvencións aos promotores que promoven ou adquiren solo urbanizado para vivenda protexida.
 
Aluguer e rehabilitación
As declaracións dos responsables do Ministerio de Vivenda indicando que agora as prioridades do mesmo pasarán polo aluguer e a rehabilitación caen polo seu propio peso se temos en conta que ambas liñas de actuación se verán afectadas polos recortes.
 
A afirmación do Ministerio de que vai potenciar o alugueiro de vivendas choca de plano coa súa intención de reducir as axudas aos promotores de vivendas protexidas en réxime de alugueiro. Estas vivendas destínase ao alugueiro por familias de poucos ingresos con prezos inferiores aos do mercado, polo que a supresión das axudas aos promotores poden supoñer na práctica a desaparición da súa promoción, deixando o mercado de alugueiro exclusivamente no eido da vivenda libre, na que non existen prezos regulados como no caso das vivendas protexidas. A rebaixa ou supresión destes incentivos chega no momento en que os promotores galegos amosan máis interese pola vivenda protexida en alugueiro.
 
Doutra banda, a supresión do financiamento das oficinas de rehabilitación na súa faceta de portelos únicos constitúe un ataque directo á rehabilitación por medio de áreas de rehabilitación, materia na que Galicia foi pioneira e na actualidade conta co maior número de oficinas de rehabilitación de España, que se atopan emprazadas en 34 concellos.
 
De consumarse a eliminación de dito financiamento poñerase en risco o funcionamento das oficinas de rehabilitación, que contarán para o seu financiamento exclusivamente cos fondos achegados polos concellos e a Xunta de Galicia que este ano incrementou nun 33 por cento o financiamento das oficinas de rehabilitación das vilas e cidades de máis de 25.000 habitantes mentres o Ministerio elimina a súa.