Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS SORTEA MAÑÁ ENTRE OS SEUS ADXUDICATARIOS 23 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS EN MEIRA (LUGO)

-       O sorteo terá lugar na Casa da Cultura de Meira
-      Nove vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro e catorce en compravenda.
-      O investimento total realizado polo IGVS foi de 1.751.990 euros
 
Santiago, 18 de maio de 2010.- Os 23 adxudicatarios doutras tantas vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no concello lucense de Meira coñecerán mañá cal vai ser a súa nova vivenda, unha vez que se realice o sorteo das mesmas entre os seus adxudicatarios.
 
Dito sorteo terá lugar ás dez da mañá na Casa de Cultura de meira, en presenza do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xosé María López Vega.
 
Nove das vivendas adxudicadas son en réxime de alugueiro, ao establecer a normativa vixente que se adxudicarán exclusivamente neste réxime ás familias con ingresos que non superan 1,5 veces o iprem. As restantes catorce vivendas adxudicáronse en réxime de compravenda. Queda unha vivenda vacante que se adxudicará a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
 
Unha vez realizado o sorteo, o IGVS elaborará os informes económicos que serán remitidos aos adxudicatarios e nos que se indica o importe a pagar polo alugueiro ou pola compravenda da vivenda, que varía en función das características da familia e dos seus ingresos, que determinan a porcentaxe (30, 40 ou 50%) da axuda recibida sobre o valor da vivenda.
 
As 24 vivendas construídas en Meira polo Instituto Galego da Vivenda e Solo contan con tres dormitorios e superficies que oscilan entre 80 e 82 metros cadrados. Todas dispoñen de cociña, salón, baños, tendedeira, praza de garaxe e rocho.
 
As vivendas contan con carpintería exterior de aluminio lacado e interior de madeira vernizada, chan de tarima flotante de madeira e plaqueta de gres, alicatados con azulexos e calefacción individual con caldeiras de gas.
 
O investimento realizado polo IGVS na construción das 24 vivendas acadou 1.751.990 euros, sendo o custe por vivenda de 72.999,58 euros.