Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS ANALIZARÁ A POSIBILIDADE DE PROMOVER EN PONTEVEDRA ALOXAMENTOS PROTEXIDOS EN ALUGUEIRO PARA ESTUDIANTES CON AXUDAS DO PLAN DE VIVENDA

-         O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela co vicerrector do campus

-         A cesión dunha parcela polo Concello de Pontevedra en favor da Universidade na zona de Tafisa faría posible a actuación

-         O Plan de Vivenda 2009-2012 inclúe subvencións de ata 24.750 euros por cada aloxamento construído

-         Os aloxamentos son vivendas de ata 45 metros cadrados que poden contar con servizos comúns como lavandería, comedor, cafetería e outros.

 

Santiago, 17 de novembro de 2009.- A promoción de aloxamentos protexidos en alugueiro por parte da Universidade de Vigo foi a solución proposta, para facilitar o aloxamento dos universitarios, polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné, na reunión mantida hoxe na sede de este organismo co vicerreitor do Campus de Pontevedra, Xesús Hernández, e a directora de Planificación e Coordinación de dito campus, Antonia Blanco.

 

Os representantes da Universidade coincidiron en que esta é a mellor opción, posto que existe a posibilidade de que o Concello de Pontevedra ceda á Universidade o solo preciso para a construción dos aloxamentos, mentres que por medio do Plan de Vivenda se poden obter importantes axudas para a promoción dos mesmos.

Xesús Hernández manifestou o interese da Universidade na posible cesión por parte do Concello dunha parcela na antiga unidade de actuación número 7 (Tafisa) , cun aproveitamento total de 5.846 metros cadrados na que se poderían edificar os aloxamentos protexidos.

 

Os aloxamentos protexidos son unha figura do Plan de Vivenda situados a medio camiño entre as vivendas tradicionais e as residencias colectivas. A superficie útil de cada aloxamento debe estar entre 40 e 45 metros cadrados e estarán dotados de servizos colectivos, como poden ser comedor, cafetería, lavandería ou outros. Estes servizos ocuparán como máximo unha superficie equivalente ao 30 por cento do destinado a vivendas. Os promotores dos aloxamentos protexidos poden recibir, a través do Plan de Vivenda 2009-2012, préstamo subsidiado e subvencións a fondo perdido que, no caso dos destinados a universitarios, acadan os 520 euros por metro cadrado de superficie útil, o que supón entre 20.800 e 23.400 euros por aloxamento. Os aloxamentos protexidos construídos coas axudas do Plan de Vivenda deberán destinarse ao alugueiro por un período mínimo de 25 anos.