Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCARÁ ESTE MES A LIÑA DE AXUDAS PARA A RECUPERACIÓN DE VIVENDAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL, DOTADA ESTE ANO CON 2,1 MILLÓNS DE EUROS

• Ángeles Vázquez destaca “o éxito e interese” deste programa entre os concellos, que nas súas cinco convocatorias xa concedeu axudas por 6 millóns de euros, cos que se facilitou a recuperación de 176 vivendas en 43 municipios de Galicia
• Salienta que o Goberno galego investiu 172.580 € —un 80% do orzamento— na rehabilitación de cinco inmobles deste tipo en Crecente, dos cales os catro primeiros serán adxudicados proximamente polo Concello


Crecente (Pontevedra), 1 de febreiro de 2022.-
A Xunta prevé publicar este mesmo mes a sexta convocatoria do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, dotado dun orzamento de 2,1 millóns de euros. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a últimar o texto da convocatoria de 2022 deste programa, que “ten espertado moito interese entre os concellos galegos, como foi o caso de Crecente”.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá catro vivendas de titularidade municipal -emprazadas nas inmediacións do CEIP Manuel Sieiro- e rehabilitadas grazas a unha axuda de 142.830 euros, que serán adxudicadas polo Concello nos vindeiros meses; ao tempo que avanza na recuperación dunha quinta -a antiga vivenda do médico de Filgueira-, pola que ten recibido unha axuda de 29.750 euros e cuxas obras -segundo as previsións do Concello- se rematarán no primeiro trimestre. Así, estas cinco vivendas tiveron un orzamento de 214.320 euros, cos cales a Xunta aportou un 80% (172.000 euros).

“Estes serán os futuros fogares de cinco familias de Crecente”, defendeu a conselleira, e que se suman ás 176 vivendas en 43 concellos que recibiron 6 millóns de euros do Goberno para a súa rehabilitación, ao abeiro das cinco convocatorias anteriores.

Recordou que o programa de vivendas municipais é unha das liñas para fomentar a recuperación de inmobles e edificacións que establece o Pacto social pola vivenda 2021-2025, pensado especialmente para os concellos de menos de 20.000 habitantes, co fin de que poidan ofrecer unha solución habitacional, en réxime de alugueiro, aos seus veciños.

En base a este programa, as administracións locais beneficiarias acceden a unha axuda que pode chegar ata o 90% do orzamento, ata un máximo de 40.000 euros; que no caso dos concellos cun centro histórico ou emprazado no Camiño de Santiago, pode alcanzar os 48.000 euros. Nese sentido, invitou aos concellos máis pequenos a participar deste fondo público, pois ademais de ser “unha media coa que aumentar o parque público de vivendas no termo municipal, evítase o abandono edificatorio”.

Non obstante, a conselleira lembrou que esta non é única liña de incentivos que se fixa para fomentar a recuperación e mellora do parque residencial de Galicia; xa que ao longo de febreiro e marzo se convocaran dous programas-con fondos propios da Xunta-, como é o de infravivenda -pensado para os concellos de menos de 10.000 habitantes- ou o novo Fondo de cooperación para a promoción de vivenda pública, dotado cun orzamento inicial de 3 millóns de euros.