Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta convoca unha nova liña de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas que poderá cubrir ata o 100% do custo das actuacións subvencionables

• O DOG publica hoxe a convocatoria do programa PREE 5000, cunha dotación de 1,83 millóns para a anualidade de 2022 e que poderá solicitarse a partir do 3 de xaneiro
• O obxectivo desta liña de subvencións, unha das cinco previstas o próximo ano para apoiar a restauración e a eficiencia enerxética en contornas residenciais, é contribuír a acadar os obxectivos en materia ambiental e de enerxía fixados na normativa da UE

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia convoca hoxe o novo programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, o chamado PREE 5000.

Cun orzamento global para o próximo ano de 1,83 millóns de euros, o importe concedido poderá chegar a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables, sempre que estas cumpran con todos os criterios establecidos para obter unha axuda adicional.

Tal e como consta na resolución publicada hoxe no DOG coa convocatoria do programa para 2022, os interesados en acollerse a estas subvencións poderán solicitalas a partir do vindeiro 3 de xaneiro, co fin de que dispoñan de marxe suficiente para poder preparar unha memoria valorada das actuacións a executar. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro do ano que vén.

O PREE 5000 trátase dun dos programas de rehabilitación enerxética financiados con fondos europeos que convocará a Xunta por primeira vez en 2022. A súa finalidade é contribuír a acadar os obxectivos medioambientais e enerxéticos establecidos na normativa europea mediante a execución de actuacións en edificios existentes que favorezan a redución do seu consumo final e das emisións de CO2 mediante o aforro de enerxía, a mellora da eficiencia e o aproveitamento das fontes renovables.

As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños. Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente.

En canto aos beneficiarios, as axudas están abertas ás persoas físicas ou xurídicas de natureza privada así como ás comunidades ou agrupacións de comunidades de propietarios que sexan titulares de inmobles nos que se vaian acometer as actuacións subvencionables.

Así mesmo, os traballos a executar deberán encadrarse nunha ou en varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

Neste sentido, as actuacións que subvencione o Instituto Galego da Vivenda e Solo ao abeiro do PREE 5000 deberán conseguir unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% respecto á situación actual do edificio e, ademais, mellorar a cualificación enerxética total do inmoble en, polo menos, unha letra. Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter xa unha cualificación A.

As axudas non terán unha contía fixa, partindo dun mínimo equivalente ao 20% dos custos elixibles e podendo chegar ata o 100%. Así, o importe concreto variará tendo en conta o tipo de actuación, o inmoble obxecto da rehabilitación ou os obxectivos de eficiencia enerxética acadados tras a reforma.

En todo caso, a subvención concedida será o resultado de sumar a axuda base —que oscilará entre un 20% e un 50% dos custos elixibles— e a axuda adicional que corresponda en cada caso en función do cumprimento dunha serie de criterios sociais —por exemplo, que o edificio estea baixo algún réxime de protección pública—, de eficiencia enerxética —cando o inmoble obteña unha cualificación A, B ou incremente en dúas letras a súa situación de partida— e se é ou non unha actuación que inclúa obras correspondentes a dúas ou máis tipoloxías.

Pulo definitivo á rehabilitación en 2022
Para continuar coa aposta da Xunta pola rehabilitación do patrimonio construído, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reservará o próximo ano 75,2 millóns de euros para investir en actuacións deste tipo, a executar tanto de forma directa como indirecta. Trátase do maior orzamento destinado en Galicia á rehabilitación na última década, un esforzo que ten como fin darlle un pulo definitivo.

Desa partida global, mobilizaranse case 17 millóns a través dos cinco novos programas de axudas destinados a financiar actuacións de restauración e eficiencia enerxética en contornas residenciais, na liña marcada pola UE, así como dun fondo —dotado cun millón de euros e sen convocatoria pública— para brindar apoio económico ás oficinas de rehabilitación e ao persoal encargado de xestionar as diferentes liñas.