Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INICIA AS EXPROPIACIÓNS PARA A AMPLIACIÓN DE SAN PAIO DE NAVIA ÁS QUE DESTINARÁ 14,5 MILLÓNS DE EUROS

• O DOG publica hoxe a resolución pola que se someten a información pública polo prazo dun mes
• Ángeles Vázquez salienta que se prevén construír 1.600 vivendas de protección pública nun total de 265.000 m2
• Lembra que o Instituto Galego de Vivenda e Solo traballa de xeito paralelo no proxecto de urbanización da totalidade do ámbito, que se prevé presentar este mes

Vigo, 6 de abril de 2021.-
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a Xunta de Galicia inicia hoxe o proceso de expropiacións para a ampliación de San Paio de Navia, en Vigo, ao que se destinarán 14,5 millóns de euros.

“É un día importante e transcendental para esta cidade”, subliñou a conselleira nunha visita a este ámbito residencial, engadindo que se trata dun “paso decisivo” para incrementar o número de vivendas públicas no concello.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se inicia o proceso de información pública dos proxectos de expropiación, que durará un mes. En total, adquiriranse preto de 120.000 m2, para dispoñer así da totalidade dos terreos —265.000 m2— nos que se prevé construír 1.600 vivendas de protección pública.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, a expropiación dos terreos implica adquirir 202 parcelas nos tres polígonos nos que se divide a ampliación do plan parcial —aprobado o pasado verán— e que, tras a súa urbanización, estarán en condicións para construír novas vivendas para as familias, os mozos e os colectivos que precisan de máis oportunidades.

Así mesmo, lembrou que a Xunta traballa de xeito paralelo no proxecto de urbanización da totalidade do ámbito que, coa previsión de presentalo este mes, deberá contar co visto e prace do Concello para poder iniciar a comercialización do solo e, en consecuencia, a construción das vivendas. “Agardamos que o Concello lle dea prioridade a aprobación desta urbanización e, polo tanto, que sexa unha realidade máis pronto que tarde”, abundou.

A ampliación de San Paio de Navia, na que se prevé un investimento total duns 250 millóns de euros, tradúcese en urbanizar un total de 265.000 m2, dos cales máis de 24.000 serán destinados a equipamentos públicos e outros tantos a zonas verdes. Ademais das 1.600 vivendas previstas, tamén se definirán unhas 1.200 prazas de aparcadoiro e un carril bici de máis de 2 quilómetros.

Por último, Ángeles Vázquez subliñou que esta folla de ruta clara e definida é unha mostra da aposta decidida do Goberno galego para incrementar a oferta de vivenda protexida en Vigo, a cidade galega con maior demanda residencial.