Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE INICIA O PROCESO DE ADXUDICACIÓN DE OITO VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO CASCO HISTÓRICO DE BETANZOS

• Trátase das vivendas de promoción pública que se atopan nas rúas Cerca e Venela de Clérigos
• O Instituto Galego de Vivenda e Solo destinou preto de 1,4 millóns de euros para a rehabilitación destes cinco inmobles

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020-. A Xunta de Galicia vén de iniciar o procedemento para a adxudicación dun total de oito vivendas de promoción pública (VPP) no Casco Histórico do Concello de Betanzos. Trátase das vivendas (7) localizadas na rúa Cerca, nos números 9,13, 47 e 49, e unha máis na rúa Venela de Clérigos, no número 13.

As obras de rehabilitación, executadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), tiveron un investimento de preto de 1,4 millóns de euros.

As vivendas sortearanse entre os inscritos do Rexistro de Demandantes de Vivenda e as persoas interesadas a optar ás mesmas deberán cumprir o seguinte requisito: dispor duns ingresos, por unidade familiar, que se atopen entre 1 e 3,5 veces o IPREM. As vivendas serán adxudicadas en réxime de alugueiro, sen que sexa posible o cambio de réxime.

Recuperar o Casco Histórico
Cómpre recordar que a rehabilitación dos cinco inmobles nos que se localizan as vivendas que se adxudicarán non son a única actuación que executa a Xunta en Betanzos. Xustamente, este verán adxudicou os contratos de redacción dos proxectos de rehabilitación de seis edificios emprazados no conxunto histórico do Concello de Betanzos.

Un dos contratos, adxudicado a Fraga y Mantiñan Arquitectos, S.L.P. por un importe de 55.373,35 euros, inclúe a redacción dos proxectos e a dirección da obra de rehabilitación dos inmobles emprazados nas rúas Pinche 9, Alfolí 6 e Alfolí 34. O prazo para a redacción será de tres meses.

O outro corresponde á redacción dos proxectos e á dirección da obra de rehabilitación dos inmobles emprazados nas rúas Cerca 43, Segunda Venela dos Clérigos 4 e Segunda Venela dos Clérigos 10, e foi adxudicado por 52.313,14 euros a Iglesias Veiga, Arquitectos, S.L.P., que terá tres meses para completar a redacción dos proxectos.