Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINA PRETO DE 2,7 MILLÓNS DE EUROS ÁS ÁREAS DE REHABILITACIÓN DECLARADAS EN 41 CONCELLOS GALEGOS

• Poderán solicitalas os concellos que dispoñan de ARI declarada no seu territorio, excepto si se trata da ARI dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, que contan coas súas propias convocatoria de axudas
• Os concellos teñen mes para solicitar a súa participación no reparto dos fondos
• Estes fondos sumaranse a 1,73 millóns de euros que se destinan ás ARI dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, xestionadas directamente polo IGVS

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020-. A Xunta de Galicia destinará máis de 2,5 millóns de euros (2.665.741) ás actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, urbanización e reurbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes en Galicia.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se procede a abrir o prazo para que os concellos con ARI soliciten a participación no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018–2021, que se executa a través das ARI.

A Resolución publicada hoxe abre un prazo dun mes para que os concellos que teñen unha ou máis áreas de rehabilitación integral dentro do seu ámbito municipal e cumpran os requisitos establecidos soliciten a súa participación no reparto dos fondos destinados a estas zonas en 2020. Os concellos deberán presentar unha solicitude por cada unha das ARI que desexen incluír no reparto de fondos, indicando as contías que estiman poden executar nos prazos establecidos.

En función das solicitudes presentadas polos concellos con áreas de rehabilitación declaradas, a Xunta realizará o reparto dos fondos dispoñibles entre os mesmos, que acadan un total de preto de 2,7 millóns de euros entre a achega estatal e a autonómica.

Despois do reparto asinaranse acordos específicos cos concellos participantes, que deberán realizar as súas propias convocatorias para que os propietarios de vivendas interesados poidan solicitar as axudas, financiadas con fondos autonómicos e estatais.

Bases
A Resolución inclúe as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, ás que poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións. Nestes casos as axudas irán destinadas á rehabilitación das vivendas e edificios de vivendas.

Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización e reurbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Axudas
Unha vez realizado o reparto de fondos entre os concellos e asinados os correspondentes convenios, os concellos deberá proceder á convocatoria das axudas, que poderán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

O importe das axudas estatais non poderán exceder do 40 por cento do custe subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar ata o 75 por cento cando os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou cando se acredite que na unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio, existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 años. O importe máximo da axuda por vivenda será da seguinte contía:

- 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentación en vivendas, con redución da demanda enerxética.

- 8.000 euros para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas,

- 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución de outra previamente demolida.

- 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.

- 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxo temporal.

As axudas incrementaranse nun 25%, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

O importe das axudas autonómicas terán a contía máxima seguinte:

4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renaovación, sen que a subvención poida exceder de o 10 % do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio

Os concellos recibirán por cada vivenda rehabilitada ou construída 2.500 euros (1.500 da Xunta e 1.000 do Ministerio) para financiar o custo de xestión e dos equipos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Camiños de Santiago e Illas Atlánticas
Esta convocatoria non inclúe as áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago nin a das Illas Atlánticas ou a da Ribeira Sacra, xestionadas directamente polo IGVS e non polos concellos. A convocatoria de axudas para as ARI dos Camiños de Santiago e das Illas Atlánticas publicouse o pasado 26 de febreiro e as da ARI da Ribeira Sacra realizarase nos próximos días. En total, as tres ARI supramunicipais xestionadas polo IGVS disporán dun total de 1.730.000 euros nas convocatoria de 2020.

Actualmente Galicia conta con 69 áreas de rehabilitación integral declaradas en 41 concellos ademais das ARIs dos Camiños de Santiago, que comprende 126 concellos das catro provincias galegas, a ARI das Illas Atlánticas, que afecta a catro concellos, e a ARI da Ribeira Sacra, que comprende 25 concellos.