Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA A REDACCIÓN DE NOVOS PROXECTOS PARA A REHABILITACIÓN DE INMOBLES ADQUIRIDOS POLO IGVS EN FERROL VELLO

• O Instituto Galego da Vivenda e Solo adxudicou a redacción dos proxectos para a rehabilitación dun inmoble e a construción doutros dous
• Súmanse aos proxectos adxudicados a finais de maio e comezos de xuño para a redacción dos proxectos dos edificios emprazados nas rúas Benito Vicetto, dos Mártires, San Francisco, Río Novo, e Rastro (esquina Praza Vella) e a construción dun edificio na rúa Castro
• A Xunta dispón dun total de 19 inmobles en Ferrol Vello para rehabilitar no marco do programa Rexurbe
• Actualmente estanse executando as obras de Argüelles 1
 
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia adxudicou o contrato de redacción dos proxectos de rehabilitación do inmoble emprazada na rúa Carme Curuxeiras, 8 e a construción de dous edificios nos número 22 e 24 da mesma rúa.

O contrato foi adxudicado a UTE Óscar López Alba- Lucía Fernández Rodríguez por importe de 94.985 euros e un prazo de tres meses para a redacción dos proxectos.

Esta adxudicación de redacción de proxectos súmase ás realizadas a finais de maio e comezos deste mes de xuño para a redacción dos proxectos dos edificios emprazados na rúa Benito Vicetto 17, rúa dos Mártires 9, San Francisco 13 e 21, Río Novo 11 e Rastro 7 (esquina Praza Vella) e a construción dun edificio na rúa Castro 22-24.

Todos os contratos inclúen a dirección da obra ademais da redacción dos proxectos de rehabilitación.

Todos os inmobles foron adquiridos polo IGVS no marco do Programa Rexurbe para a súa rehabilitación como vivendas de promoción pública que se adxudicarán en réxime de alugueiro.

En Ferrol Vello o IGVS xa está executando a obra de construción de dúas vivendas na rúa Argüelles 1, cun investimento de máis de 330.000 euros, e dispón dun total de 19 inmobles adquiridos para a súa rehabilitación.