Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA AMPLÍA O COLECTIVO DE BENEFICIARIOS DE AXUDAS AO ALUGUEIRO AOS RAPACES TUTELADOS POLA ADMINISTRACIÓN QUE ACADEN A MAIORÍA DE IDADE

• Grazas a unha modificación das bases que rexen estas subvencións facilitase o pago do alugueiro a este colectivo social, que se suma a outros que xa se benefician do mesmo, por estas inmersas en situacións de especial dificultade ou en circunstancias de emerxencia social
• As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social asinaron o convenio de colaboración para axudar a estas persoas a acceder a unha vivenda nesta nova etapa da súa vida

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia amplía o colectivo de beneficiarios de axudas do Bono de Alugueiro Social ás rapazas e rapaces tutelados pola Administración autonómica que acaden a maioría de idade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer a disposición de dous novos colectivos axudas do Bono Alugueiro Social, grazas á modificación das bases que rexen esta subvención destinadas a facilitar o pago do alugueiro e que se publicará nos próximos días.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o Programa Aluga para o fomento do alugueiro de vivendas púxose en marcha no ano 2015, para facilitar o acceso á vivenda a aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade;as vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento; aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos no inmoble derivados dunha circunstancia imprevisible; ou por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecidos no Programa de Vivendas Baleiras.

Engadiu que tamén se habilitou o Bono de Alugueiro Social, unha axuda mensual de ata 225 euros, o 50% do custe mensual, que se concede por un período de doce meses e prorrogable ata un total de tres anos; ao que tamén se pode sumar unha axuda única de 600 euros para o pago dos custes de formalización do contrato de alugueiro. Ángeles Vázquez sinalou que, dende a creación, o Bono de Alugueiro Social concedeuse a 1.022 solicitantes, por un importe de preto 3,1 millóns de euros, ademais de conceder 719 prórrogas por importe de preto de 1,7 millóns de euros. Recordou que tamén existe unha modalidade de Bono de Alugueiro Social, no marco do Pacto de Estado, destinado exclusivamente a vítimas de violencia de xénero, os fillos dependentes e vítimas de explotación sexual, que foi creado este ano.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social destacou a importancia dun goberno que reme ao unísono e impulse medidas transversais que, neste caso, beneficiarán aos máis de 1700 menores tutelados pola Xunta de Galicia. Fabiola García lembrou que se trata dunha medida moi importante dada a necesidade destes mozos e mozas de ter unha vivenda ao acadar os 18 anos e abandonar os centros da Administración autonómica.

Neste sentido, apuntou que este convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo únese ao programa de inserción laboral Mentor, no que participan cada ano 500 mozas e que tamén permite dotar de estabilidade aos menores extutelados. Unha medida que, sinalou, incide no obxectivo de promover a igualdade de oportunidades entre todas as galegas e galegos.