Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DÁLLE UN PULO DEFINITIVO Á PLISAN COA SINATURA DA ADXUDICACIÓN DAS CINCO PRIMEIRAS PARCELAS DE SOLO EMPRESARIAL

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron esta mañá o acto de formalización do contrato coas tres empresas beneficiarias
• Como resultado da poxa pública convocada o pasado verán, case 69.000 metros cadrados da plataforma de Salvaterra-As Neves foron adxudicados en dereito de superficie con opción de compra por un período inicial de 30 anos
• Vázquez Mejuto subliña a aposta do Goberno autonómico por activar un proxecto clave para Galicia e cita como exemplo a recente licitación das obras de urbanización da segunda fase da zona loxístico-empresarial
• Francisco Conde salienta que a Plisan está chamada a convertese no maior parque empresarial do noroeste peninsular e actuar como reclamo para grandes proxectos

Vigo (Pontevedra), 30 de decembro de 2019
-. O asentamento das primeiras empresas na Plataforma Loxística e Empresarial de Salvaterra-As Neves está xa un pouco máis cerca. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidiron esta mañá en Vigo o acto de sinatura da adxudicación de cinco parcelas na Plisan, as primeiras que se asignan dentro desta gran área empresarial.

Dos case 69.000 metros cadrados adxudicados hoxe, preto de 63.000, correspondentes a tres parcelas distintas, foron asignados á conserveira Hijos de Carlos Albo; outros 3.325 metros correspondéronlle á empresa Vallejo Low Cost; e os 2.570 restantes, ao Grupo Tecnológico Arbinova. En todos os casos, a superficie foi adxudicada en dereito de superficie, unha modalidade que lle permite aos beneficiarios acceder a solo empresarial pagando cada ano unha pequena cantidade e lles facilita así o financiamento do proceso de instalación e inicio da actividade.

O dereito de superficie concédese por un período inicial de 30 anos, aínda que pode estenderse ata un máximo de 60 mediante sucesivas prórrogas. Durante a súa vixencia, as empresas terán que abonar un canon anual equivalente ao 1,5 por cento do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, do 2,5 por cento no terceiro e cuarto anos e do 3,5 por certo do prezo a partir da quinta anualidade. Outra das vantaxes para as empresas que acceden a unha parcela en dereito de superficie é que, se o desexan, tamén poden adquirir a súa propiedade, aínda que o prezo de venda variará dependendo do momento en que se faga a adquisición.

Coa formalización destas adxudicacións, como lembrou a conselleira Ángeles Vázquez, dáselle un pulo definitivo á Plisan, un proxecto empresarial estratéxico para o sur da comunidade que continúa avanzando co fin de “facer crecer o emprego e a industria galega” arredor da cidade de Vigo. Nesta liña, subliñou a gran oportunidade que supón esta nova plataforma empresarial para o conxunto de Galicia e por iso insistiu en que a Xunta seguirá traballando arreo, como fixo ata o de agora, para que se poida iniciar canto antes o asentamento empresarial nesta zona.

Así, lembrou que nestes momentos a Xunta está executando na Plisan as obras de urbanización da primeira fase da zona Loxístico Empresarial (LE), da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da estación de tratamento de auga potable (ETAP) e acaban de licitarse as obras de urbanización da segunda fase da LE, na que, precisamente, se emprazan parte das parcelas adxudicadas.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou que a Plisan está chamada a convertese no maior parque empresarial do noroeste peninsular, o que permitirá garantir a competitividade do tecido empresarial galego. Así, será un reclamo para atraer grandes proxectos empresariais xa que as adxudicacións representan, nestes momentos, o 20% da superficie total dispoñible.

Entre as empresas que se instalarán, puxo como exemplo a aposta de Albo -un referente na industria conserveira, propiedade da chinesa Shangai Kaichuang- que investirá 25M€ nas súas instalacións na Plisan permitindo reforzar os lazos comerciais de China e Galicia.

Conde tamén se referiu á Lei de implantación empresarial, impulsada pola Xunta, que está permitindo a chegada de novas empresas grazas ás facilidades que ofrece para acceder ao solo empresarial, pero tamén para axilizar a tramitación e obter bonificacións fiscais. Neste sentido, avogou pola colaboración municipal sumándose á iniciativa dos Concellos Emprendedores.