• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá
algúns dos inmobles que foron recuperados neste concello ourensán grazas á colaboración da Xunta,
Cruz Vermella e varias empresas privadas
• En total, o departamento autonómico comprometeu preto de 770.000 euros en subvencións
destinadas á rehabilitación de vivendas, a compensar danos no enxoval doméstico e a intervir sobre
construcións anexas e outros elementos
Carballeda de Avia (Ourense), 8 de xaneiro de 2020
-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprometeu un total de 768.989
euros en distintos tipos de axudas dirixidas a paliar os danos que ocasionou a vaga de lumes de
outubro de 2017 en vivendas habituais, enxoval doméstico e outro tipo de construcións de Carballeda
de Avia, un dos municipios máis afectados por estes incendios.
En total, outorgáronse 19 subvencións, tal e como explicou a conselleira Ángeles Vázquez esta
mañá no transcurso dunha visita ao Concello, durante a que puido comprobar persoalmente o resultado
dalgunha das actuacións executadas con cargo a estas axudas. Neste sentido, a responsable galega de
Medio Ambiente salientou o esforzo realizado polo conxunto do Goberno autonómico para atender ás
vítimas e contribuír economicamente á reparación dos desperfectos.
Polo que respecta ás axudas ofrecidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, explicou que a dotación total do programa foi de 3,9 millóns de euros, dos cales preto de
770.000 –é dicir, a quinta parte de todo o orzamento- foron a parar a afectados de Carballeda de
Avia, un dos concellos ourensáns nos que o lume causou máis danos.
Concretamente, Vázquez Mejuto indicou que catro das 19 subvencións outorgadas a afectados
deste municipio destináronse a pagar obras en vivendas habituais que resultaron danadas, outras
sete a cubrir os custos das intervencións sobre construcións anexas, instalacións complementarias e
elementos comúns en vivendas ocasionais e a maioría, oito, a paliar os danos producidos nas casas e
no enxoval doméstico.
Grazas a estas axudas e tamén á colaboración de entidades sociais e empresas que se
mobilizaron a raíz da vaga de lumes, a conselleira lembrou que parte das perdas producidas en
Carballeda puideron ser compensadas e dous anos despois, retomouse a normalidade. Así, agradeceu en
particular a Cruz Vermella e a Ikea, presentes no acto, o seu compromiso e a axuda nos labores de
recuperación dos edificios danados neste concello.
Cómpre lembrar que a vaga de lumes do outono de 2017 tivo unha incidencia especial na
provincia de Ourense, onde moitas vivendas e inmobles resultaron afectados. En resposta a esta
situación, o Consello da Xunta aprobou un decreto de medidas urxentes de axuda para facilitar a
reparación dos danos causados polos incendios e atender as necesidades da poboación afectada nos
territorios máis danados. A orde na que se aglutinaron as distintas liñas de subvención contou
cunha dotación total de máis de 13 millóns de euros.