Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE QUINTUPLICOU OS CONCELLOS BENEFICIADOS POLO PROGRAMA DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS DE MESTRES EN TRES ANOS

• Ángeles Vázquez subliña a importancia desta liña de subvencións, que axudou a mobilizar 87 vivendas de titularidade municipal para aluguer en 32 municipios
• Durante unha visita ao Concello de Oia, a conselleira comprobou o resultado das obras de recuperación acometidas en dous inmobles, nos que a Xunta investiu case 75.000 euros ao abeiro da convocatoria do ano pasado

Oia (Pontevedra), 8 de outubro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda axudou a unha trintena de concellos nos últimos tres anos a recuperar e rehabilitar para destinalas a aluguer 87 antigas vivendas de mestres e outros oficios de titularidade municipal. Así o subliñou esta mañá durante unha visita a Oia a conselleira Ángeles Vázquez, quen recoñeceu a súa satisfacción co funcionamento deste programa, xestionado a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e que cada ano esperta unha maior aceptación e interese entre os concellos de menos de 20.000 habitantes aos que vai dirixido.

O éxito destas axudas reflíctese na súa propia evolución nos últimos tres anos, nos que practicamente se quintuplicou a cifra de entidades locais beneficiarias. Así, se en 2017 foron catro os concellos nos que se actuou a través desta novidosa liña de axudas, ao ano seguinte a cifra elevouse ata 15 e xa na última convocatoria, correspondente ao actual exercicio, foron 18 os municipios que se acolleron á subvención.

O Concello de Oia, que tamén está adherido ao programa de vivendas baleiras da Xunta, foi un dos beneficiarios da orde de axudas para a rehabilitación das chamadas casas de mestres, outros oficios e edificios de titularidade municipal convocada en 2018. Neste sentido e tras comprobar o resultado dos traballos realizados en dúas vivendas do barrio de Loureza, Ángeles Vázquez explicou que grazas á subvención de 74.500 euros concedida polo seu departamento para financiar esta actuación, dúas familias de Oia poderán acceder ás mesmas cunhas condicións de aluguer moi vantaxosas.

“Quero poñer en valor a importancia desta liña de axudas para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal xa que permite que as entidades locais, con menor poder adquisitivo, poidan acometer actuacións desta envergadura”, declarou a conselleira, que salientou tamén os 3,2 millóns de euros mobilizados pola Consellería de Medio Ambiente a través das tres últimas convocatorias do programa de vivendas de mestres, incrementando sempre as partidas destinadas ao mesma con respecto á anualidade anterior.

En todo caso, Vázquez Mejuto incidiu en que esta liña de subvencións non é a única que pon o IGVS nestes momentos a disposición dos concellos. Deste xeito, referiuse aos préstamos que se ofertan a través do Fondo de Cooperación, uns cartos que os concellos poden destinar á compra de novos inmobles para rehabilitar ou ben a completar a totalidade do orzamento necesario para recuperar vivendas que xa son da súa titularidade.

O obxectivo da Xunta, engadiu, pasa por fomentar a creación dun parque de vivenda pública en aluguer municipal para que, incluso aqueles concellos con menos recursos e orzamento, poidan ofrecer aos seus veciños inmobles axeitados para convertelos no seu fogar.

Por último, a conselleira enmarcou estes esforzos por axudar ás entidades locais a financiar a recuperación de vivendas de titularidade municipal no espírito da nova Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación urbana, a primeira destas características coa que conta a comunidade e que entrou en vigor o pasado 22 de maio.

Así, lembrou que o obxectivo básico desta norma é loitar contra o abandono e o desuso do patrimonio xa construído, ofrecendo as ferramentas máis axeitadas para potenciar a súa rehabilitación pola vía da simplificación administrativa e da creación de novos instrumentos, como as áreas Rexurbe, que permitirán ofrecer unha resposta integral á situación que presentan os ámbitos urbanos especialmente degradados e que precisan dunha rápida intervención para garantir a súa reactivación.