Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE DEDICARÁ 1,65 MILLÓNS DE EUROS A AXUDAR A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO E EXPLOTACIÓN SEXUAL A ACCEDER A UNHA VIVENDA

• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases desta nova liña de axudas, que serán convocadas nas próximas semanas
• A medida inscríbese dentro do programa do Bono de Alugueiro Social e as persoas beneficiarias recibirán para o pago do aluguer 175, 200 ou 225 euros ao mes

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acaba de crear unha liña específica de axudas ao alugamento de vivendas para persoas que sufran violencia de xénero, fillos de vítimas mortais que sexan menores de 30 anos e dependentes economicamente, e vítimas de trata con fins de explotación sexual. Con este obxectivo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, cuxa convocatoria para este ano está prevista para as próximas semanas e que contarán cunha dotación económica de 1,65 millóns de euros.

A nova liña de subvencións está incluída dentro do Bono de Alugueiro Social, un programa que xa contemplaba ás vítimas de violencia de xénero como un dos colectivos aos que ía dirixido. Como novidade, a través da orde publicada hoxe e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a Xunta crea unha liña específica e con financiamento propio destinada a axudar a este colectivo a acceder ao aluguer dunha vivenda e ademais amplíanse os supostos previstos con anterioridade.

Así, inclúense como posibles beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se atopasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

Do mesmo xeito, outro dos obxectivos desta liña específica do Bono de Alugueiro Social é atender con carácter urxente ás mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica co seu agresor ou, no caso de mulleres que sufran situacións de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia per interpósita persona -isto é, aquelas mulleres que sufran o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador-.

A axuda prevista será de 225, 200 ou 175 euros ao mes, dependendo do concello onde se emprace a vivenda e que equivalerá ao 50% do importe máximo que pode acadar o prezo do alugueiro en cada zona. Así, a renda máxima dos inmobles alugados será de 450 euros, no caso de que estean localizados nalgunha das sete grandes cidades, de 400 en concellos cualificados de carácter urbano e de 350 euros nos de tipo rural, figurando nas propias bases das axudas o listado de concellos cos seus respectivos importes máximos.

Duración do bono e condicións
O bono concederase por un período de 12 meses, prorrogable cada ano ata un máximo de 36 meses. Ademais, o programa prevé a posibilidade de solicitar unha axuda complementaria única de ata 600 euros para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, destinados a atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

Poderase presentar a solicitude do Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero unha vez se publique, nas próximas semanas, a convocatoria correspondente ao ano 2019. Para o resto de colectivos susceptibles de solicitar estas axudas o prazo de presentación de solicitudes está aberto dende o pasado 11 de xaneiro.