Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

AGUSTÍN HERNÁNDEZ CONFIRMA A AMPLIACIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL DE PAZOS E A URBANIZACIÓN DA PRIMEIRA FASE DO POLÍGONO DE TAMAGOS, EN VERÍN

 O conselleiro de Medio Ambiente considera pioritario impulsar os investimentos en materia de solo industrial na comarca de Monterrei  Acusa ao anterior Goberno de facer unha auténtica “fuxida cara adiante, adquirindo solo sen a máis mínima programación nin a priorización axeitada”  Anuncia que se vai axilizar, de xeito coordinado co concello, a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín  O titular de Medio Ambiente visitou a estación depuradora de augas residuais de Verín, unha infraestrutura hidráulica que o Goberno galego financia con case 1,2 millóns de euros

Santiago, 12 de xuño de 2009.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, acompañado polo alcalde do concello, Juan Manuel Jiménez Morán, informou hoxe a unha representación dos empresarios de Verín da tramitación na que se atopan os proxectos en materia de solo industrial que se están a levar a cabo na comarca. O conselleiro destacou que “a pesares da situación de creba técnica en que o bipartito deixou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e ás Xestures, cun burato económico de máis de 40 millóns de euros”, o Goberno galego considera unha prioridade impulsar os investimentos en materia de solo industrial na comarca de Monterrei. Coincidiu co sector empresarial en que é necesario crear mais metros cadrados para que poidan asentarse novos negocios, e tamén para non estrangular a ampliación e expansión das empresas existentes. Con este obxectivo, manifestou o compromiso da Xunta de axilizar os trámites para ampliar o Polígono Industrial de Pazos en 152.088 novos metros cadrados, dos que 101.382 corresponden a superficie empresarial. O orzamento previsto para esta actuación ascende a 7 millóns de euros. Hernández explicou que a tramitación deste proxecto rematará este mesmo ano, e que as obras de urbanización serán executadas ao longo do vindeiro ano. En canto ao polígono de Tamagos, o responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considerou que “é imprescindible complementar a ampliación do polígono existente co inicio das obras dun novo parque que dea servizo a empresas de toda a comarca, e que permita aproveitar a situación estratéxica co norte de Portugal. A Xunta de Galicia prevé que a información pública do impacto ambiental desta infraestrutura estea rematada no prazo mais breve posible, dentro deste mesmo ano, co obxectivo de poder comezar as obras da primeira fase do parque no prazo máis breve posible, cun desenvolvemento de aproximadamente 200.000 metros cadrados de solo industrial. Agustín Hernández salientou o esforzo que a Xunta de Galicia porá en marcha para poder desenvolver estas actuacións “tendo en conta que o anterior goberno fixo unha auténtica fuxida cara adiante, adquirindo solo sen a máis mínima programación nin a priorización axeitada”. A situación coa que se atopou o actual equipo do IGVS “obrigou a reprogramar as actuacións, xa que se comprometeron moitos proxectos que en realidade non tiñan compromiso presupostario porque os orzamentos que se manexaban eran irreais, pura enxeñería financeira”. Hernández manifestou que e abrirá unha liña de colaboración co concello para identificar con claridade a demanda real de solo empresarial que existe na zona. Plan Xeral O conselleiro de Medio Ambiente tamén anunciou que se vai axilizar, de xeito coordinado co concello, a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Verín. A vindeira semana, o martes 16, terá lugar unha reunión entre o alcalde e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para falar do informe previo emitido o pasado 22 de xaneiro polo anterior goberno. Con posterioridade a dita reunión, realizarase outra de nivel técnico entre un equipo da consellería e os redactores do plan coa intención de avanzar na tramitación do mesmo. Edar de Verín Previamente á reunión cos empresarios de Verín, o titular de Medio Ambiente visitou a estación depuradora de augas residuais de Verín, unha infraestrutura hidráulica que o Goberno galego financia con case 1,2 millóns de euros (1.293.721). Concretamente, estase a substituír parte dos colectores xerais de 1000 mm de diámetro, así como a mellora do funcionamento e ampliación das instalacións de tratamento de auga residual. A empresa encargada de levar a cabo as obras de mellora na estación depuradora é Unión Temporal de Empresas Agrupconsa, S.L. & C.Aldasa, S.L. A actuación subvencionada polo departamento que dirixe Agustín Hernández, que está ubicada nas inmediacións do río Támega, ten un prazo de execución de 12 meses, polo que no mes de maio de 2010 a obra estará rematada para dar servizo a 30.000 habitantes. As actuacións que se están a materializar a para acadar o óptimo funcionamento da nova estación son a construción dun novo pozo de grosos en formigón armado e unha nova recirculación de lodos, a instalación de novas reixas de desbaste. Tamén se construirá un novo decantador secundario de 25,5 m de diámetro interior, cunha altura no rebosadeiro de 3,50 m e unha profundidade para o pozo de lodos de 4,45 m Dificultades que se resolven Á Edar de Verín chega unha gran cantidade de auga infiltrada mesturada coa auga residual urbana. Así, nesta depuradora trátase un caudal medio diario de 7.100 m3/día, téndose que aliviar 3.100 m3/día. Por iso, proxéctase a substitución de tres tramos dos colectores xerais de Verín, co que se evitarán as infiltracións de augas pluviais: Asemade, o decantador secundario actual ten unha capacidade hidráulica de 4.800 m3/día, mentres que o novo decantador que se constrúe permite duplicar a capacidade de decantación da Edar, ata 9.000 m3/día, co que se aproveitaría a capacidade de aireación do biolóxica (9.000 m3/día).

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS