Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DECRETO QUE REGULA O DEPÓSITO DE FIANZAS DOS DE ARRENDAMENTOS DE PREDIOS URBANOS ENTRARÁ EN VIGOR A PRINCIPIOS DO MES DE ABRIL

Santiago, 15 de marzo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o decreto polo que se establece o procedemento para o depósito das fianzas dos arrendamentos relativos a predios urbanos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, adaptado á Lei de Vivenda Galicia (Lei 18/2008) e á Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (Lei 11/2007).

A nova normativa entrará en vigor a principios do mes de abril. Cómpre lembrar que este texto foi aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión de principios de marzo.

A intención do decreto é facilitar o cumprimento da obriga de depósito das fianzas, mediante a regulación do procedemento que debe seguirse para a súa constitución, modificación e cancelación, así como para o exercicio da actividade inspectora en materia de fianzas, no marco do establecido na lexislación vixente. Así mesmo, o decreto incorpora a posibilidade da realización de determinados trámites por vía telemática co obxecto de ofrecer un soporte informático que facilite aos administrados o cumprimento da súa obriga de depósito das fianzas.

Segundo establece o decreto aprobado polo Consello da Xunta, están obrigados a realizar o depósito da fianza:

- As persoas arrendadoras e subarrendadoras de predios urbanos, tanto vivendas como para outros usos diferentes ao de vivenda. O depósito da fianza é obrigatorio, tanto se as teñen ou non percibido dos arrendatarios ou arrendatarias, nos supostos en que sexan exixibles pola lexislación de arrendamentos urbanos e pola lexislación autonómica na materia.

- As empresas, entidades ou administracións públicas que presten subministracións ou servizos deberá depositar as fianzas que perciban dos seus clientes.

O depósito da fianza realizarase no Instituto Galego da Vivenda e Solo e non xerará xuros en favor do depositante. O IGVS poderá empregar ata o 70 por cento do importe das fianzas depositadas na promoción pública de vivendas e no cumprimento das políticas de fomento do dereito á vivenda previstas na Lei de vivenda de Galicia, sempre que quede garantida a devolución de fianzas que sexan reclamadas en tempo e forma.

As contías que hai que depositar serán as seguintes:

- Arrendamentos de vivendas de duración igual ou superior a un ano: unha mensualidade.

- Arrendamento para uso distinto de vivenda: dúas mensualidades

- Arrendamentos de industria ou negocio, cando impliquen tamén arrendamentos de local ou vivenda: dúas mensualidades do aluguer estipulado.

- Arrendamentos de vivendas de tempada de duración superior a un mes e inferior a un ano: a parte proporcional de dúas mensualidades.

- Fianzas de subministracións ou servizos: o importe será o exixido ás persoas abonadas pola empresa subministradora

O importe do depósito deberá actualizarse no caso de que se modifique o importe da fianza.

As fianzas deberán depositarse no Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo máximo dun mes desde a sinatura do contrato. Poderá solicitarse o impreso de autoliquidación nas oficinas do IGVS ou na súa páxina web. Unha vez realizado o depósito, o IGVS entregará o correspondente xustificante por duplicado, un para o arrendador e outro para o arrendatario. As fianzas depositadas devolveranse cando se extinga o contrato.

As empresas, entidades ou administracións públicas que presten subministracións ou servizos, sempre que ao formalización os contratos que afecten as vivendas e demais predios urbanos lles exixan fianzas aos seus abonados, rexeranse obrigatoriamente por un réxime de concerto, ao que tamén se poderán adherir, voluntariamente, os arrendadores, asociacións de persoas propietarias de bens inmobles urbanos legalmente constituídas e profesionais dedicados á administración de predios urbanos que cumpran os requisitos establecidos e os propietarios de centros comerciais e grandes superficies comerciais.

O réxime de concerto funcionará a través de liquidacións anuais, comprometéndose os titulares do concerto a depositar o 90 por cento do importe das fianzas, e o 10 por cento restante quedará no seu poder para proceder á devolución das fianzas ou liquidacións que se produzan cando se extingan os contratos. É obrigatorio dispoñer de fondos suficientes para garantir a devolución de todas as fianzas acollidas das que se solicite a devolución. De non ser así incorrerase en causa de cesamento no réxime de concerto, debendo procederse ao depósito das fianzas en réxime xeral.

O decreto tamén regula a actividade inspectora do IGVS en relación coa falta de depósito de fianzas. O decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.