Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINARÁ EN 2011 AXUDAS POR IMPORTE DE 10,8 MILLÓNS DE EUROS NO MARCO DO PROGRAMA ALUGA, QUE BENEFICIARÁ O VINDEIRO ANO 4.000 FAMILIAS

-          O Consello da Xunta aprobou hoxe os compromisos de pagamento plurianuais
-         A maior parte do orzamento (9,9 millóns de euros) van destinados a subvencionar aos inquilinos, con axudas entre o 30 e o 70 por cento do aluguer
 
Santiago, 16 de decembro de 2010.- A Xunta de Galicia destinará ao longo do vindeiro ano case 11 millóns de euros para fomentar as súas políticas de acceso á vivenda no marco do Programa Aluga. A previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é que preto de 4.000 familias se beneficien destas subvencións.
 
O Instituto Galego da Vivenda e Solo destinará un total de 10.800.000 euros ás axudas concedidas en 2011 a través do Programa Aluga, segundo establece o acordo do Consello da Xunta de hoxe aprobando os correspondentes compromisos de pagamento plurianuais.
 
A maior parte dos 10,8 millóns de euros destinaranse a axudas a inquilinos para o financiamento parcial da renda que pagan polas súas vivendas. En total serán 9.902.000 euros os que se destinen a este fin.
 
Axuda a inquilino
Esta axuda esta dirixida aos inquilinos para o financiamento parcial da renda, nunha porcentaxe que vai desde o 30% ata o 70% do prezo da renda, segundo tramo de ingresos. A axuda incrementase en 10 puntos porcentuais cando se trate de vítimas de violencia de xénero. O número estimado de beneficiarios cífrase en case 4.000.
 
Plan Aluga
O Programa Aluga, que entrou en vigor a comezos de agosto, está dirixido ao fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia. Este programa de vivenda xorde da necesidade de dar unha nova orientación ás medidas de fomento do aluguer de vivendas privadas, co obxecto de paliar as disfuncionalidades detectadas no anterior programa, como a complexidade da tramitación con externalización de funcións administrativas, o cadro de persoal sobredimensionado e os elevados custos de funcionamento.
 
A través do Programa Aluga poderán acceder ás axudas para o aluguer todos os interesados con ingresos inferiores a 3,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (Iprem), inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e residentes en Galicia ou que desenvolvan o seu traballo na nosa comunidade autónoma. Os propietarios de vivendas tamén se poderán beneficiar de axudas para a rehabilitalas antes de poñelas á disposición do Programa, así como subvencións para os gastos derivados do aluguer.
 
Coa posta en marcha do programa Aluga recupérase por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo a xestión das axudas de aluguer, polo que as partidas destinadas ao seu funcionamento se destinarán á repartición de axudas.
 
A previsión do departamento que dirixe Hernández para os vindeiros tres anos é que o custo total do Programa Aluga acade máis de 35 millóns de euros, e que beneficie unhas seis mil familias galegas.
 
No cadro adxunto amósase como cun custo semellante, o novo Programa Aluga permite incrementar de maneira notable os fondos destinados a axudas ao aluguer.
 
 
Programa de vivenda en aluguer (3 anos bipartito)
Programa Aluga (próximos 3 anos)
Subvencións:
25.423.791,78 euros
32.398.643,50 euros
Gastos de funcionamento:    
8.686.511,19 euros
2.876.812,13 euros