• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde José
Manuel Varela asinaron hoxe telematicamente dous convenios en virtude dos cales o departamento
autonómico achegará esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000
habitantes
• Desde a posta en marcha desta iniciativa, en 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa
concedeu preto de cinco millóns en préstamos sen xuros para axudar a financiar 18 actuacións de
recuperación nunha decena de entidades locais
• Ao abeiro da convocatoria deste ano, estanse a tramitar novas solicitudes municipais de
financiamento por un importe total de 2,2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda achegará a través de préstamos sen xuros un total de 94.664,05 euros ao
Concello de Val do Dubra (A Coruña) co obxecto de axudarlle a financiar a adquisición de dous
inmobles no núcleo de Bembibre para a súa posterior rehabilitación.
Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Manuel Varela asinaron hoxe
telematicamente dous convenios de colaboración (un por cada unha das actuacións) que lle darán
acceso ao municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un
instrumento de apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de obras de
rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
En concreto, o Concello de Val do Dubra poderá dispoñer de 60.000 euros para a adquisición da
coñecida como Fábrica da Telleira para a súa posterior rehabilitación, unha contía que poderá
devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.
Este inmoble está situado no núcleo urbano de Bembibre, presenta un gran interese social e
urbanístico e actualmente atópase en desuso. A intención do concello é adquirilo para a
implantación de usos de carácter dotacional logo de completar a súa rehabilitación.
Trátase dunha instalación industrial de carácter artesanal que empezou a funcionar nos anos
60 e se dedicaba á produción de material cerámico que empregaba como fonte de enerxía a auga do río
Dubra, derivada augas arriba ao longo dunha presa constituída ao efecto para abastecer á telleira.
En canto á segunda actuación que se financiará en Val do Dubra con cargo ao Fondo de
Cooperación, trátase da adquisición do inmoble da antiga cámara agraria tamén para a súa posterior
rehabilitación. O IGVS porá a disposición do Concello 34.664,05 euros para que poida acometer a
reforma do inmoble.
Situado tamén en Bembibre, ao igual que a Fábrica da Telleira, este edificio presenta un gran
interese social e urbanístico. A idea é mercalo para a destinalo á implantación de usos de carácter
dotacional logo da súa rehabilitación.
O inmoble obxecto da actuación é unha construción orixinaria dos anos 80 con posteriores
rehabilitacións e localizado nun entorno urbano. Así, atópase nun ámbito no que se conservan as
edificacións tradicionais e se localizan importantes dotacións como son o Campo da Feira, o Centro
de Saúde e dotacións educativas e relixiosas que resolven as necesidades da poboación residente
tanto no núcleo orixinario, como nas extensións que sufriu ao longo dos anos.
Dotación inicial de 10 millóns para o fondo
Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha
dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento
necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros.
Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa
4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación
de inmobles nunha decena de municipios.
Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo de Cooperación realizada este ano –cuxo prazo
para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse
tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluídas as dúas actuacións
comprometidas hoxe co Concello de Val do Dubra.