• O prazo de execución será de seis meses e medio e o custo ascende a 211.155,89€
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta
mañá en Vigo nunha reunión técnica coa adxudicataria e o director do IGVS
• O Instituto Galego da Vivenda e Solo leva case dous anos e medio agardando pola aprobación
definitiva do plan parcial de Navia por parte do Goberno local vigués
Vigo, 3 de xullo de 2020-. A Xunta de Galicia acaba de adxudicar a redacción do
proxecto de urbanización do ámbito de San Paio de Navia, en Vigo, no que está prevista a
construción de 1.600 novas vivendas protexidas. Cun prazo de execución de seis meses e medio, o
contrato foi adxudicado o pasado 30 de xuño á empresa PROYFE SL por un importe de 211.155,89 euros
e o seu obxectivo é planificar as obras de urbanización dos 265.000 metros cadrados do ámbito una
vez completada a súa ampliación.
Así o explicou esta mañá en Vigo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
Ángeles Vázquez, quen mantivo unha reunión cos responsables da empresa adxudicataria e co director
do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, para analizar tecnicamente os
próximos pasos a seguir co fin de posibilitar a construción de máis vivendas protexidas en Vigo, a
cidade galega que concentra a maior demanda de toda Galicia.
En xaneiro de 2018 o Goberno local vigués aprobou inicialmente a modificación do plan parcial
de San Paio de Navia que permitiría a ampliación do solo residencial neste ámbito por parte da
Xunta. Sen embargo, como lembrou Vázquez Mejuto, case dous anos e medio despois esta modificación
aínda non foi ratificada de forma definitiva polo Concello, un paso imprescindible para culminar a
ampliación do solo residencial en San Paio de Navia e deixalo en condicións de executar as 1.600
novas vivendas proxectadas.
Actualmente a Xunta, a través do IGVS, é propietaria de arredor de 130.000 metros cadrados en
Navia, o que supón case o 50% do ámbito. Tras a aprobación inicial da modificación do Plan Parcial,
realizouse unha oferta pública de permuta de solo por edificabilidade o que se traduciu en acordos
con varios propietarios para a adquisición doutros 42.000 metros cadrados.
O atraso do Concello na aprobación do Plan Parcial, como explicou a conselleira, obrigou á
Xunta a renegociar a vixencia destes acordos, que se renovaron este ano por outros seis meses máis
co obxectivo de que nese tempo o Goberno local complete a tramitación e se poidan asinar as
escrituras das permutas.
Unha vez estea aprobado definitivamente o plan parcial e rematada a fase de permuta, poderase
proceder á expropiación dos terreos do primeiro polígono de San Paio de Navia que non foran
adquiridos anteriormente. Para esta actuación a Xunta ten reservados nos orzamentos de 2020 seis
millóns de euros, que permitirán comprar o solo restante previsto e avanzar na urbanización dos
265.000 m2 de todo o ámbito, sempre que o Concello de Vigo non o impida atrasando máis aínda a
aprobación do plan parcial.