Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE ANIMA AO CONCELLO DE COVELO A RECUPERAR INMOBLES MUNICIPAIS GRAZAS ÁS AXUDAS DO PROGRAMA DE VIVENDAS DE MESTRES

- A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde Juan Pablo Castillo, quen lle trasladou tamén o seu interese en contar co apoio da Xunta para levar a cabo un proxecto de humanización de espazos urbanos no seu municipio

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019-. O Concello de Covelo estudará presentarse á próxima convocatoria do programa de vivendas de mestres e outros oficios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e poñelos a disposición dos seus veciños en forma de vivendas. Esta foi a principal conclusión da xuntanza que mantivo a conselleira Ángeles Vázquez co alcalde do municipio, Juan Pablo Castillo, para abordar diversos asuntos de interese municipal en materia residencial e urbanística.

Despois de tres anos en funcionamento, o programa de rehabilitación de vivendas de mestres e outros oficios tense consolidado xa como un dos de maior éxito entre os concellos galegos. Para responder a esta demanda e ao interese crecente das entidades locais por estas axudas -que permiten rehabilitar inmobles de titularidade municipal para destinalas a alugueiro social ou a paliar situacións de emerxencia- a conselleira trasladoulle ao alcalde que o programa disporá o próximo ano de 2,38 millóns de euros, o que supón un incremento do 48,75% e grazas ao cal se espera poder chegar a un maior número de beneficiarios.

Por outra banda, o rexedor tamén lle trasladou á conselleira o seu interese en levar a cabo un proxecto de humanización no municipio. Tal e como lle recordou Ángeles Vázquez, a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos cos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.

Neste sentido, avanzoulle que nos orzamentos do ano que vén o seu departamento volverá a apostar por manter os seus programas e liñas de cooperación coas entidades locais en materia urbanística, un capítulo para o que se reservan 6,5 millóns de euros; polo que se comprometeu a estudar posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o goberno municipal para levar a cabo o proxecto que lle presentou o alcalde.