Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE COMPROMETE CO ALCALDE DE SANTIAGO O INICIO DA CONSTRUCIÓN DE 24 NOVAS VIVENDAS PROTEXIDAS O ANO QUE VÉN

- Para incrementar o parque de inmobles protexidos na cidade, os orzamentos da Consellería para 2020 reservan unha partida 700.000 euros para actuar no SUNP-13
- A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor compostelán Xosé Sánchez Bugallo tamén acordaron avanzar xuntos para desbloquear a situación actual do proxecto de Xoán XXIII, co fin de destinar esta parcela á construción de vivenda protexida
- Así mesmo e tras crearse a comisión técnica entre Concello e IGVS para impulsar o polígono da Sionlla, ambas administracións colaborarán para axilizar a concesión de licencias e a implantación de novas empresas nas parcelas disponibles


Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019-. Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o próximo ano reservarán unha partida de 700.000 euros para iniciar a construción de 24 novas vivendas de protección pública (VPP) no SUNP-13, concretamente na parcela localizada na estrada da Estrada. Así llo comunicou a conselleira Ángeles Vázquez ao rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, con quen mantivo esta mañá unha reunión para abordar diversos asuntos de interese municipal nos que o Concello aspira a contar coa colaboración do departamento autonómico.

Así, ambos mandatarios afondaron na situación da cidade en materia residencial e, máis concretamente, no que respecta á necesidade de ampliar o actual parque de vivendas protexidas. Con este fin, e a maiores destas 24 novas VPP con orzamento comprometido xa para 2020, ambas administracións colaborarán para axilizar o máximo posible os trámites necesarios para a construción doutras 36 vivendas de protección pública no chamado SUNP-12, que abrangue Lamas de Abade e O Castiñeiriño.

Así mesmo, a conselleira e o alcalde tamén acordaron traballar xuntos co fin de desbloquear a situación do proxecto construtivo de Xoán XXIII e lograr destinar esta parcela –propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo- á execución de novas vivendas protexidas. O obxectivo, segundo explicaron, é dotar á cidade dun mínimo de 60 novas VPP nos próximos anos, coa intención de que o SUNP-12 poida contar con proxectos de execución e orzamento comprometido xa no ano 2021.

Na mesma liña e en resposta á necesidade de incrementar a oferta residencial pública en Santiago, Ángeles Vázquez avanzou que a Xunta e o Concello de Santiago colaborarán tamén para darlle un pulo ao programa de Vivendas Baleiras nesta cidade, ao tempo que animou ao rexedor a seguir o exemplo da Xunta e urbanizar e poñer á venda o solo residencial de propiedade municipal, co fin de mobilizalo e contribuír deste xeito a fomentar a construción de vivendas protexidas, tanto de iniciativa pública como privada.

De feito, a Consellería de Medio Ambiente prevé sacar ao mercado nos vindeiros meses todo o solo residencial que ten dispoñible Xestur para facilitar así a construción de novas VPP nas sete grandes cidades, poñendo ao alcance dos promotores interesados parcelas xa urbanizadas e listas para edificar.

Neste sentido, a responsable autonómica tendeulle a man ao Concello compostelán, ofrecéndolle o apoio do seu departamento, a través da nova liña de axudas dirixida a promotores municipais e privados, para que a empresa municipal de vivenda e solo de Santiago (Emuvissa) tamén poida promover máis vivenda protexida.

Por último, en materia de rehabilitación, Ángeles Vázquez lembrou tamén que o próximo ano a capital galega contará, como mínimo, con 2,68 millóns de euros en axudas para a recuperación de inmobles nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) desta cidade.

Este investimento, como lle trasladou ao alcalde, correspóndese co orzamento consignado na convocatoria de 2018 e que os propietarios poderán ir certificando ao longo do próximo ano; e haberá que sumar os fondos que se lle poidan consignar cando se publique a orde de axudas de 2020, cun orzamento global de 6,5 M€ para todas as ARIs declaradas en Galicia.

Parque da Sionlla
O futuro da área empresarial da Sionlla volveu ser outro dos asuntos principais da xuntanza, durante a que ambos mandatarios coincidiron na importancia de colaborar e traballar da man para relanzar a actividade no parque. Con este obxectivo, e tal e como acordaran a conselleira e o alcalde durante a súa primeira reunión en setembro, xa se puxo en marcha un grupo de traballo técnico e con representación de ambas administracións, que será o encargado de propoñer accións e medidas coas que acadar a ocupación plena do polígono.

Neste sentido, a conselleira indicou que Xunta e Concello seguirán traballando xuntos co obxectivo de axilizar a concesión de licenzas e facilitar a implantación de novas empresas nas parcelas dispoñibles nesta gran área empresarial da cidade, co obxectivo de convertelo nun hub tecnolóxico.

Cómpre lembrar que A Sionlla foi un proxecto promovido polo IGVS cun investimento total de máis de 74 millóns de euros. Desde a súa posta en servizo, a finais do ano 2012, adxudicáronse máis de 429.000 metros cadrados vía concursos, ventas directas ou proxectos singulares dos 758.000 cos que conta o parque para uso industrial e comercial.

Na actualidade, o polígono ten aínda algo máis de 320.000 metros cadrados de solo dispoñible para venta -con bonificacións do 30% sobre o prezo oficial- ou para a súa adxudicación na modalidade de dereito de superficie, é dicir, a cambio do pago dun canon anual moi reducido que lle dá á empresa opción de compra.