• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo un encontro con representantes
das administración locais da provincia de Coruña para abordar as diferentes liñas e programas da
Xunta en materia de vivenda
• Recorda que se teñen habilitado tres programas específicos para os concellos, que buscan
fomentar a rehabilitación e promover o acceso á vivenda aos veciños, que suman case 8,5 millóns de
euros
• Destaca as axudas do fondo de cooperación aos concellos de menos de 50.000 habitantes, que
lles permite executar actuacións subsidiarias nos casos nos que os propietarios desatendan as súas
obrigas
• Ángeles Vázquez lembra que Galicia é pioneira en materia de rehabilitación, ao ser a
primeira rexión en contar cunha normativa específica, porque non hai maior desprotección que o
abandono do patrimonio arquitectónico e edificatorio
A Coruña, 15 de xullo de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá aos concellos galegos a súa colaboración para que o
orzamento reservado ás políticas de vivenda, máis de 50 millóns de euros en 2019, cheguen a todos
os galegos. Así o puxo de manifesto esta mañá durante un encontro cos representantes dos concellos
da provincia da Coruña para abordar as diferentes liñas e programas que o Instituto Galego da
Vivenda e Solo ten deseñado para facilitar a rehabilitación e o acceso á vivenda.
Explicou que o Goberno galego fai un esforzo inversor, que se traduce en 52,96 millóns de
euros, dos cales 26,41 se destinan a medidas e programas orientadas á rehabilitación; mentres que a
parte restante (26,55 millóns de euros) se reservan para iniciativas que teñen como obxectivo
garantir o acceso á vivenda, onde destacou as axudas dirixidas aos máis mozos e ás mulleres vítimas
da violencia de xénero ou de explotación sexual.
Sinalou que aínda está aberto o prazo para a solicitar unha axuda ao abeiro da primeira orde
para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de
menores de 35 anos, e que está dotada de 800.000 euros; un grupo social que tamén se pode
beneficiar das axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou
das axudas ao alugueiro, aos que se lles abona un 50% da renda durante un período máximo de tres
anos. Indicou que a previsión do IGVS é convocar esta liña de incentivos (axudas ao alugueiro)
antes de que remate o verán.
Ángeles Vázquez salientou a importancia de estar ao carón das persoas que sofren situacións
de especial risco; polo que trasladou a necesidade de que os servizos sociais municipais coñezan os
programas específicos para apoiar a estas persoas a iniciar un novo futuro. Lembrou que este ano
por primeira vez se convocou unha liña de axudas específica para as mulleres vítimas da violencia
de xénero, aos seus fillos, e a vítimas de explotación sexual, dotada con 1,6 millóns de euros.
Deste xeito, cada solicitante contará con ata 225 euros ao mes para acceder á vivenda, así como a
unha única axuda de 600 euros para facer fronte a gastos de contrato.
Tres programas específicos para os concellos
A conselleira de Medio Ambiente indicou que tamén se deseñaron tres programas dirixidos
específicamente aos concellos, “que en moitas ocasións teñen proxectos e iniciativas que se quedan
en ideas por falta orzamento. Salientou que os tres programas de subvencións implican poñer a
disposición das administracións locais preto de 8,5 millóns de euros, para que poidan levar a cabo
actuacións de rehabilitación que lles permita facilitar o acceso a unha vivenda aos seus veciños.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deseñou varios programas específicos cos que
impulsar a rehabilitación por parte dos concellos (programa de vivendas de mestres e de
infravivenda); así como o programa de axudas do fondo de cooperación, que se poden solicitar ata o
vindeiro 1 de outubro e que teñen por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e
conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Explicou que a este programa concreto se destinarán 6,4 millóns de euros para apoiar a través
de préstamos sen xuros as actuacións, así como facilitar aos concellos a realización de actuacións
subsidiarias naqueles casos nos que os propietarios das vivendas se desatendan das súas obrigas.
Invitou aos concellos galegos a seguir o exemplo de varios concellos da provincia (Boiro e
Ribeira), que xa se acolleron á este programa nas convocatorias anteriores.
Galicia conta coa primeira normativa en materia de rehabilitación
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Comunidade galega é pioneira en materia de
rehabilitación, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de
rehabilitación. Indicou que se trata dun exemplo máis da aposta do Goberno galego pola recuperación
do patrimonio xa construído.
A Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, ten como principio básico
que “non hai maior desprotección que o seu abandono”, polo que é imprescindible habilitar un
escenario propicio para a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana, que contribuirá a
dar vida aos cascos históricos e aos concellos galegos.