Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo respondeu hoxe a unha pregunta oral hoxe en comisión parlamentaria

O PREZO MEDIO DO ALUGUEIRO DE VIVENDA EN GALICIA FOI DE MENOS DE 400 EUROS AO MES NOS OITO PRIMEIROS MESES DE 2018

• Esas cifras xustifican que o importe máximo dos alugueiros que poden recibir as axudas da Xunta sexa de 500 euros nas principais cidades de Galicia e 400 ou 300 no resto de concellos galegos
• Segundo as fianzas das vivendas alugadas neste período, depositadas no Instituto Galego da Vivenda e Solo, o prezo medio da vivenda en alugueiro entre xaneiro e agosto de 2018 foi de 396,99 euros ao mes
• Das sete grandes cidades os prezos máis altos rexístranse en Vigo e Coruña e os máis baixos en Ferrol e Lugo, sen acadar en ningunha o prezo medio de 500 euros ao mes
• Ata agosto depositáronse na Xunta preto de 19.000 fianzas de contratos de alugueiro de vivendas formalizados este ano, ofrecendo un volume de datos moi superior ao que poida manexar calquera empresa ou organización do sector

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018.-
O prezo medio dos alugueiros de vivendas contratados nos oito primeiros meses de 2018 está por debaixo de 500 euros ao mes en todas as cidades de Galicia, segundo indican os datos das fianzas de alugueiros presentadas nese período no Instituto Galego da Vivenda e Solo. Así o expuxo hoe no Parlamento o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, que tamén indicou que de media as familias galegas destinan menos do 20 por cento dos seus ingresos ao pago da vivenda en alugueiro.

As cifras indicadas xustifican que o importe máximo dos alugueiros que poden recibir as axudas da Xunta sexa de 500 euros nas principais cidades de Galicia e 400 ou 300 no resto de concellos galegos, en función da área territorial en que se atope cada concello.

Ese prezo máximo pódese incrementar nun 20 por cento no caso de familias numerosas ou con discapacitados, de maneira que nestes casos os alugueiros poderán chegar ata 600 euros ao mes na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Ao limitar o prezo máximo dos alugueiros que poden obter as axudas, a Xunta buscou reforzar o carácter social dos mesmos, garantindo que as axudas cheguen preferentemente ás familias máis necesitadas. Ese carácter vese reforzado ao limitar a 2,5 veces o Iprem os ingresos máximos dos solicitantes, excepto os casos de familias numerosas e familias con discapacitados, en que os ingresos máximos poden chegar a 4 ou 5 veces o Iprem, en función das circunstancias de cada familia.

Polo que respecta ás fianzas de alugueiro, segundo os datos publicados polo Observatorio de Vivenda de Galicia, entre xaneiro e agosto de 2018 depositáronse na Xunta un total de 18.965 fianzas de contratos de alugueiro de vivendas, das que preto do 60 por cento (11.131 fianzas) corresponden a vivendas emprazadas nas sete grandes cidades de Galicia, situándose na cabeza A Coruña, seguida de Vigo e Santiago de Compostela.

O prezo medio do alugueiro en Galicia foi nos primeiros oito meses do ano de 396,99 euros ao mes. Comparada esa cifra cos ingresos medios dos galegos en 2017 (segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, as familias galegas que asinaron contrato de alugueiros nos oito primeiros meses do ano destinan ao pago do mesmo menos do 20 por cento dos seus ingresos medios.

Nas sete grandes cidades galegas os prezos medios do alugueiro nos oito primeiros meses do ano oscilan, segundo os datos que reflicten os depósitos de fianzas, entre os 472,3 euros de Vigo e os 331,4 euros de Ferrol. Na Coruña o prezo medio do alugueiro é practicamente o mesmo que en Vigo, con un euro de diferenza.

 

Concello

Número fianzas depositadas

Importe medio do alugueiro mensual €

A Coruña

3.284

471,2

Ferrol

449

331,4

Santiago de Compostela

1.350

421,9

Lugo

948

342,1

Ourense

1.123

385,5

Pontevedra

621

438,1

Vigo

2.849

472,3

TOTAL GALICIA

18.965

396,99

 

 

 Os datos están extraídos das 18.965 fianzas de alugueiro de vivenda presentadas na Xunta nos primeiros oito meses de 2018 e correspondentes a contratos asinados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2018, que constitúen un volume de datos moi superior ao que poida manexar calquera empresa ou asociación do sector inmobiliario e reflicten datos reais de contratos de alugueiro asinados. A Xunta lembra a obrigatoriedade de depositar as fianzas dos alugueiros neste organismo.