• Esta medida cumpre co avanzado pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez,
aos representantes dos veciños afectados pola explosión pirotécnica
• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde, pola que prolonga o prazo de presentación
de solicitudes ata o vindeiro 7 de outubro
• Ata o momento foron concedidas 68 axudas por danos nas vivendas, por importe de máis de
1,5 millóns de euros
• Tamén se concederon 21 axudas para aloxamento provisional, por máis de 104.000 euros
• As axudas da Xunta superan os 8 millóns de euros e son compatibles coas doutras
administracións, polo que é fundamental que se impliquen tamén o Goberno central e a
Deputación Provincial
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2018.- As persoas afectadas pola
explosión da pirotécnica de Paramos (Tui) contará cun mes adicional de prazo para a presentación
das solicitudes de axudas destinadas a sufragar os gastos de reparación dos danos causados nas
vivendas e no seu enxoval doméstico derivados da explosión.
Esta medida vén a cumprir o avanzado o pasado 29 de agosto, na reunión que a conselleira de
Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra,
José Manuel Cores Tourís, mantivo en Tui co alcalde e os representantes dos veciños afectados pola
explosión pirotécnica.
Tal e como recolle a Orde que hoxe publica a Consellería de Infraestruturas e Vivenda no
Diario Oficial de Galicia, e que se pode consultar no seguinte enlace: https://bit.ly/2NOomun, o
prazo de presentación de solicitudes, que remataba o 7 de setembro prolongarase ata o vindeiro 7 de
outubro próximo.
Ata o momento actual presentáronse 107 solicitudes de axudas para reparación de danos en
vivendas e enxoval doméstico, das que xa foron concedidas 68 axudas por importe de máis de 1,5
millóns de euros.
Os beneficiarios das axudas poden solicitar o pago anticipado das mesmas, unha vez que foron
concedidas, xustificando posteriormente que as mesmas se destinaron aos fins para que foron
solicitadas. Para iso é necesario que soliciten o pago anticipado, excepto no caso de axudas para
vivendas ruinosas, cuxo pago se realiza automaticamente unha vez aprobada.
Desta maneira, do total de axudas concedidas xa foron pagados aos beneficiarios preto de 1.3
millóns de euros, que supoñen o 82% do importe de axudas concedido.
Realoxo provisional
A Orde publicada no DOG o pasado 7 de xuño establecía tamén axudas destinadas a sufragar os
gastos de aloxamento provisional derivados da sinatura dun contrato de alugamento nunha vivenda
polas persoas cuxas vivendas resultaron danadas pola explosión.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes destas axudas para o alugueiro o pasado 8 de
agosto, foron presentadas 25 solicitudes, concedéndose 21 axudas por importe que ronda os 105.000
euros cuxo pago se realiza por mensualidades.
Tres das solicitudes só están pendentes de que os afectados presenten a documentación que
lles falta e unha foi denegada porque o solicitante non residía na vivenda afectada.
Estas axudas activadas desde os distintos departamentos da Xunta superan os 8 millóns de
euros e son compatibles coas doutras administracións, polo que é fundamental que se impliquen tamén
o Goberno central e a Deputación Provincial.