Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINARÁ 500.000 EUROS A AXUDAS AOS CONCELLOS PARA A MELLORA ENERXÉTICA DE VIVENDAS

- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se regulan as bases destas axudas, que estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

- Consideraranse actuacións subvencionables as melloras do illamento térmico ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de arranxos nas instalacións térmicas

- A Xunta tamén realizará obras de mellora da eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública da súa propiedade, para o que se reserva un orzamento de 3,3 millóns de euros.

Santiago, 30 de decembro de 2016 .- A Xunta de Galicia destinará 500.000 euros a axudas aos concellos para a mellora enerxética dos edificios de vivendas de propiedade municipal, tal como establece a Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e na que se establecen as bases reguladoras.

Estas axudas, que estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, teñen por obxecto as actuacións de mellora enerxética nos edificios de vivendas de titularidade municipal, coa fin de subir, como mínimo, unha letra na escala de valores de cualificación enerxética en emisións de carbono, e ademais reducir polo menos nun 20 por cento a demanda enerxética dos mesmos respecto a situación actual.

Consideraranse actuacións subvencionables as melloras do illamento térmico e/ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de arranxos nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos titulares dos edificios de vivendas contemplados no ámbito de aplicación que vaian realizar actuacións obxecto da subvención.

Para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentada no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior á correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do texto refundido da lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e se cumpran os restantes requisitos establecidos.

O orzamento subvencionable virá definido polo prezo das obras, os honorarios facultativos, os correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio e a auditoría enerxética do edificio, así como os tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións, sempre que non poidan ser obxecto de recuperación polo beneficiario.

Actuacións en vivendas de promoción pública

A Xunta tamén realizará actuacións directas de rehabilitación enerxética en vivendas de promoción pública da súa propiedade adxudicadas en réxime de alugueiro. Estas obras estarán cofinanciadas con fondos Feder e contan no orzamento do Goberno galego con máis de 3,3 millóns de euros.

No pasado mes de novembro xa se licitaron as obras de mellora da eficiencia enerxética de tres edificios de vivendas de promoción pública emprazados en Santiago de Compostela, por un importe de 1.009.293,85 euros.

As obras, que consistirán no illamento térmico dos edificios polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas, realizaranse nos edificios de vivendas de promoción pública, construídas polo IGVS, emprazadas en Ponte Pereda (Letras Galegas, número 8), As Cancelas-Mallou (Salgueiriños de Abaixo, 15-A e 15-B) e no sunp-9, en Belvís.

En 2017 está prevista a licitación de novas obras de rehabilitación enerxética, co emprego de fondos Feder, en vivendas de promoción pública.