• Esta liña de axudas, cuxo prazo de solicitude se abre hoxe, conta cun orzamento de 1 millón
de euros para o ano 2022
• Serán subvencionables actuacións que melloren a seguridade estrutural ou construtiva do
edificio, as condicións fronte á choiva e humidade e o illamento térmico e acústico; así como os
accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía ou saneamento
• Esta nova convocatoria dará continuidade ás realizadas desde 2016, seis anualidades que
permitiron intervir en preto de 3.500 VPP
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022.- As comunidades de veciños de
inmobles de promoción pública (VPP) interesadas en mellorar as condicións do seu edificio poden
optar desde hoxe a axudas de ata 6.000 euros por vivenda.
Desde hoxe, e ata o vindeiro 4 de abril, poden presentar unha solicitude para beneficiarse do
programa dirixido ás comunidades de propietarios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto
Galego da Vivenda e Solo, que este ano disporá dun orzamento de 1 millón de euros.
Tal e como se indicaba na resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
publicada no Diario Oficial de Galicia, pola que se establecen as bases reguladoras desta liña de
axudas, poderán acollerse a estes incentivos as VPP sometidas a réxime de protección con máis de
dez anos de antigüidade e aquelas nas que o devandito réxime se extinguira nos tres anos anteriores
á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria.
Así, as comunidades de veciños poderán solicitar axudas para actuacións que deberán axustarse
á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución, polas que recibirán unha
subvención do 60% do custo, cun máximo de 6.000 euros por vivenda, un 20% máis respecto da
convocatoria de 2021 —o importe máximo era de 5.000 euros—.
Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación,
rehabilitación e/ou adaptación dos edificios que comprendan todos ou algúns dos seguintes
traballos:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de
seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e
solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou
sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio
estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das
instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos
xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras
á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras
arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de
accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.
Cómpre lembrar que a orde de axudas de 2022 dá continuidade ás seis convocadas desde o ano
2016, que facilitaron a concesión de subvencións para intervir en preto de 3.500 VPP de
titularidade privada.
Por último, no caso das VPP nas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ostenta a
titularidade, ao redor de 3.700 en toda Galicia, a Xunta destinará máis de 2 millóns de euros á súa
mellora e rehabilitación no ano 2022.