Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta destinará 3 m€ a poñer en marcha un novo Fondo de cooperación cos concellos para que compren ou promovan vivendas para alugueiro social

• Este novo programa de préstamos empezará a funcionar o próximo ano e virá completar ao fondo que xestiona o IGVS desde 2017 para garantir aos concellos o financiamento necesario para acometer certas obras
• Ángeles Vázquez subliña que grazas a este programa a Consellería axudou xa a executar case medio cento de actuacións en 25 municipios por importe de 11 M€
• O Concello de Noia levará a cabo unha reforma completa do antigo estaleiro de Hermida grazas aos 400.000 € do préstamo que lle concedeu a Xunta este ano


Noia (A Coruña), 28 de outubro de 2021
.- A Xunta de Galicia reservará inicialmente 3 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para convocar por primeira vez un Fondo de cooperación coas entidades locais destinado a apoialas no financiamento da adquisición e promoción de vivendas de nova construción para alugueiro social.

Así o avanzou esta mañá en Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios correspondentes á última convocatoria do Fondo de cooperación de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio financeiro a concellos de menos de 50.000 habitantes para proxectos de recuperación do patrimonio construído.

Este ano, tal e como explicou a responsable autonómica, serán 11 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa grazas aos convenios de colaboración asinados hoxe entre a Consellería e os 9 concellos beneficiarios. Deste xeito, as entidades locais poderán acceder a préstamos sen xuros para financiar os seus proxectos, fondos que deberán devolverlle ao IGVS nun prazo de ata oito anos.

Un dos concellos que se acolleu a esta última convocatoria é o de Noia, que utilizará o préstamo da Xunta de 400.000 € para rehabilitar e reconverter na nova sede do Club do Mar do municipio o antigo estaleiro de Hermida, instalacións que precisamente acolleron hoxe o acto de sinatura entre a conselleira e os rexedores.

Neste sentido, a conselleira lembrou as dificultades coas que se atopan habitualmente os concellos á hora de obter financiamento para poder levar a cabo proxectos do seu interese. Por iso, e co fin de completar o actual Fondo de cooperación de rehabilitación —impulsado en 2017 e grazas ao cal xa se financiaron preto de medio cento de actuacións en 25 municipios por un total de 11 millóns de euros—, a Xunta porá en marcha o vindeiro ano un segundo programa de préstamos de apoio ás entidades locais.

Aínda que o funcionamento de ambos fondos será similar —préstamos sen xuros que se financiarán cos depósitos das fianzas do IGVS—, explicou que o obxectivo desta nova iniciativa será facilitar aos concellos a liquidez necesaria para promover ou comprar vivendas de nova construción dirixidas a alugueiro social. En todo caso, os detalles e requisitos a cumprir estableceranse unha vez saia a convocatoria, o próximo ano.

Na seguinte táboa especifícanse as actuacións de rehabilitación e conservación que se executarán con cargo aos convenios do Fondo de cooperación asinados hoxe:

 

CONCELLO

ACTUACIÓN

IMPORTE PRÉSTAMO (€)

ABEGONDO

Adquisición de vila colonial na finca Os Loureiros

400.000

ARES

Proxecto básico centro sociocomunitario da familia

273.073,06

Adecuación de local en Seselle con pista

290.041,24

CERVO

Adquisición de 10 vivendas unifamiliares adosadas para posterior rehabilitación

188.694,83

Adquisición de dous bloques de vivendas en San Cibrao para posterior rehabilitación

471.050,32

MASIDE

Rehabilitación do colexio vello

200.000

NOIA

Rehabilitación integral do estaleiro de Hermida

400.000

PONTEDEVA

Reforma de nave para centro de innovación empresarial no polígono de Trado

75.000

RIBEIRA

Reconstrución e ampliación de inmoble na rúa Galicia nº 93 para destinalo a edificio administrativo, usos múltiples e biblioteca municipal

893.736,64

SADA

Rehabilitación de piscina municipal

487.130,73

VILASANTAR

Humanización do contorno do cruceiro de Laxe

40.745,22

 

 

3.719.472,04