• Ángeles Vázquez lembra que a Administración galega habilitará tamén unha partida de 7,5
millóns de euros para bonificar un ano máis a adquisición de solo industrial
• Avanza que o principal beneficiario desta liña de actuación será o ámbito de Pontecesures,
para o que se reservan 4,6 millóns de euros co fin de facilitar a compra e urbanización dos
terreos
Pontecesures (Pontevedra), 27 de outubro de 2021.- A Xunta reserva unha partida de
26,6 millóns de euros para impulsar actuacións co obxectivo de optimizar un mínimo dunha vintena de
parques empresarias de Galicia ao longo do vindeiro exercicio.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou este
compromiso durante a súa visita á zona do futuro parque empresarial de Pontecesures, onde avanzou
que este ámbito -de 327.000 m2 que se atopa entre a estrada N-550 e a PO-548- será o principal
beneficiario.
Explicou que esta é unha das medidas que o Goberno galego brinda ao tecido empresarial, a
través dos orzamentos de 2022, co fin de favorecer a implantación de novas firmas ou a expansión e
ampliación das que xa facilitan emprego en Galicia.
No caso da futura área empresarial de Pontecesures, a Xunta reserva unha partida de 4,6
millóns de euros —a maior en solo empresarial do vindeiro ano— para comprar os terreos e
materializar as obras de urbanización. A conselleira engadiu que tamén se actuará en ámbitos
doutros concellos da provincia de Pontevedra —a cal acumula preto de 9 millóns de euros en
investimentos—, como a Plisan (As Neves e Salvaterra do Miño), con máis de 1,5 millóns; Lalín, con
2,4 millóns; ou Ponte Caldelas, con 300.000 euros.
Así mesmo, tamén salientan nos presupostos do vindeiro exercicio Arteixo (4 millóns de
euros); Xinzo de Limia (3,8 millóns); As Gándaras, en Lugo (1,9 millóns); San Cibrao das Viñas (1,8
millóns) ou O Corgo (1,25 millóns); sen esquecer outros parques como os localizados en Carballo,
Taboada, Paderne de Allariz, Verín, Muimenta, Palas de Rei, Meira, Castro de Rei ou A Pontenova.
A conselleira detallou que esta non será a única medida dirixida a axudar aos empresarios que
aposten por Galicia, xa que un ano máis o Goberno galego bonificará a adquisición de solo
empresarial. No 2022 reserva unha partida de 7,5 millóns de euros dun incentivo con boa acollida,
tal e como demostran os 2,3 millóns de metros cadrados bonificados desde a súa posta en marcha, o
que permitiu aforrar 70 millóns de euros ao tecido empresarial.
O alcalde, Juan Manuel Vidal, trasladou o seu agradecemento á conselleira porque “coa
construción deste polígono ponse fin ao déficit crónico de solo industrial que lastraba o
desenvolvemento de Pontecesures”.