Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta financiará este ano 14 actuacións municipais de rehabilitación grazas ao Fondo de cooperación do IGVS e lembra que a convocatoria segue aberta

• O Instituto Galego da Vivenda e Solo impulsou en 2017 este instrumento de colaboración, concibido para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes na realización de obras de restauración e conservación do seu patrimonio
• Nos últimos catro anos, o organismo autonómico concedeu préstamos sen xuros para executar 36 actuacións de carácter municipal por un importe de máis de 7 M€

Catoira (Pontevedra), 24 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia achegará este ano o financiamento necesario para executar alomenos 14 actuacións de rehabilitación e conservación en 10 municipios galegos a través do Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio económico concibido para concellos de menos de 50.000 habitantes.

O balance da convocatoria deste ano, en todo caso, aínda é provisional xa que o prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro venres, 1 de outubro, polo que é probable que se reciban máis peticións.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao campo de fútbol municipal das Lombas, en Catoira, unhas instalacións que, precisamente, foron renovadas polo Concello grazas a un préstamo de case 240.000 euros, concedido pola Xunta en virtude dun convenio de colaboración asinado o ano pasado.

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha en 2017 cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle ás entidades locais o acceso a financiamento para proxectos de rehabilitación do patrimonio construído. Deste xeito e a través da sinatura dos correspondentes convenios, os concellos poden acceder a préstamos sen xuros, que deberán devolverlle á Xunta nun prazo de oito anos.

Grazas aos compromisos asumidos a través deste fondo durante o período 2017-2020, a conselleira lembrou que o IGVS atendeu xa un total de 36 solicitudes municipais, incluída a de Catoira, por un importe de máis de 7 millóns de euros.

Neste sentido, subliñou que á vista das solicitudes tramitadas desde 2017, o Fondo de Cooperación do IGVS consolídase cada vez máis como unha ferramenta de apoio útil e ben valorada polas entidades locais, como demostra o feito de que este ano as solicitudes xa concedidas triplican as actuacións que se executaron ao abeiro da súa primeira convocatoria.

Así, a conselleira referiuse ás dificultades coas que se atopan as Administracións locais en moitas ocasións para poder acceder a vías de financiamento que lles permitan executar proxectos de interese municipal.

Por iso, salientou a importancia de que as distintas administracións públicas traballen man a man co obxectivo común de ofrecer os mellores servizos públicos ao cidadán, ao tempo que enmarcou o Fondo de Cooperación na aposta da Xunta pola rehabilitación e a posta en valor do patrimonio inmobiliario xa construído.

Actuación no campo de fútbol
Por último, no que respecta á actuación realizada no campo de fútbol das Lombas, os traballos centráronse tanto no terreo de xogo, coa substitución do céspede por outro novo artificial de última xeración, como na reforma dos vestiarios, e na zona das bancadas, onde se cambiou a cuberta, renováronse as varandas, repuxéronse os asentos da gradaría e suprimíronse as barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade.

A este respecto, Ángeles Vázquez subliñou a importancia que lle dá o seu departamento a proxectos que buscan mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través de actuacións que, como esta, están vinculadas ao eido deportivo, ao tempo que resaltou os bos resultados dos traballos executados nunha das instalacións “máis visitadas” pola veciñanza de Catoira.

Pola súa parte, o alcalde, Alberto García, salientou que se acometeu unha reforma integral das instalacións do campo de fútbol “nun tempo récord” co obxectivo de que o club municipal puideran utilizalo o antes posible e agradeceu á Consellería a súa colaboración para poder levar a cabo o proxecto.