Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta insiste na mellora dos criterios e requisitos dos programas de vivenda con fondos europeos para mobilizar o interese social

A Xunta de Galicia insiste na necesidade de mellorar os criterios e requisitos dos programas de vivenda que disporán de fondos europeos, co fin de que esperten o interese entre os posibles beneficiarios.

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, participou esta semana en dúas reunións multilaterais do Goberno central en relación aos programas de vivenda dos fondos europeos de recuperación.

Neste sentido, indicou que é necesario incrementar as axudas, tanto na súa contía máxima como na porcentaxe subvencionable; co fin de ofrecer incentivos para que as comunidades, ou propietarios individuais, se animen a solicitalas coa finalidade de mellorar as edificacións.

O director do IGVS tamén trasladou que en Galicia xa existen figuras e programas que fomentan a rehabilitación, como as áreas Rexurbe ou as áreas de rehabilitación integral (ARI), polo que solicitou que os incentivos que regule a orde ministerial se executen en base a esas iniciativas.

Así, argumentou que con esta posibilidade evítase achegar nova documentación ou realizar novas delimitacións e declaracións de zonas, o que se traduciría en atrasos e dificultades na tramitación, sobre todo para os concellos con menos recursos.

Heriberto García tamén indicou que estas cuestións xa foran trasladadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en xullo, cando presentou unha serie de alegacións ao Real Decreto polo que se regulan os fondos europeos. Nelas, o IGVS puxo de relevo dous aspectos de suma importancia e que determinarán a execución dos fondos, como o feito de que as axudas son, con carácter xeral, de escasa contía e dirixidas só a actuacións de eficiencia enerxética.