Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta recibiu máis de mil solicitudes de axudas para mellorar a eficiencia enerxética de edificios e vivendas

A Xunta de Galicia recibiu máis de mil solicitudes —en concreto, 1.084— ao abeiro da última convocatoria de axudas para financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, uso de enerxías renovables ou optimización das instalacións de iluminación en inmobles de uso residencial.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo na Coruña visitando un edificio residencial na rúa Javier Fonte que, precisamente, foi obxecto dunha completa intervención exterior para renovar o illamento térmico e a impermeabilización das fachadas, grazas á subvención de 74.000 euros recibida no marco da orde de axudas do ano 2018.

Tras lembrar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está a revisar xa os expedientes co fin de resolver as axudas de eficiencia enerxética deste ano o antes posible, a conselleira explicou que de aquí a 2023, o seu departamento ten reservados 17 millóns para esta liña de subvencións, unha das que máis éxito teñen desde hai anos.

Así mesmo, tamén se referiu a outra convocatoria de axudas do IGVS con moi boa acollida entre os galegos: a de fomento da conservación e da mellora da accesibilidade.

Cunha dotación prevista para 2021 de 4,67 millóns de euros, explicou que se recibiron 1.569 solicitudes destinadas a executar todo tipo de obras relacionadas coa cimentación, a estrutura ou as cubertas e fachadas de edificios residenciais, así como para instalar elementos adaptados para persoas con algunha discapacidade como poden ser ascensores, salva escaleiras, ramplas e outros dispositivos.

Neste sentido, a conselleira lembrou que no período 2018-2020 o IGVS concedeu un total de 1.735 axudas por preto de 29 millóns de euros dirixidas a apoiar a propietarios particulares, comunidades e agrupacións de veciños na execución de distintos tipos de obras destinadas tanto a mellorar a eficiencia enerxética dos seus fogares como ao fomento da conservación, a seguridade e a accesibilidade dos mesmos.

A provincia da Coruña é a que concentra a maior cantidade de beneficiarios neste período, cun total de 510 axudas concedidas por un importe de 10,5 millóns, é dicir, o 36% dos fondos asignados en toda Galicia no período 2018-2020.

A este respecto e contando xa coa convocatoria de 2021 que aínda está sen resolver, Ángeles Vázquez subliñou que desde o ano 2018 o seu departamento mobilizou preto de 51 millóns de euros para apoiar a propietarios individuais e comunidades de veciños na execución de obras que contribúan a mellorar o estado e o confort das súas vivendas.

“Son axudas moi importantes porque se achegan ao 30% do investimento e fundamentais porque supoñen axudar a renovar barrios enteiros”, declarou a responsable autonómica, quen enmarcou este tipo de liñas de subvención na aposta firme e decidida da Xunta pola rehabilitación do patrimonio xa construído.