Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

XUNTA E EMPRESARIOS DA CONSTRUCIÓN RENOVAN A SÚA COLABORACIÓN PARA FOMENTAR A REHABILITACIÓN E DIFUNDIR AS AXUDAS EXISTENTES

• Ángeles Vázquez destaca o papel desta entidade para canalizar, entre o tecido empresarial e os particulares, os programas en materia de rehabilitación vivendas que ofrece o IGVS
• A conselleira resalta a aposta decidida da Xunta por fomentar a recuperación do xa construído con axudas a particulares, comunidades de propietarios e concellos, así como con actuacións directas de rehabilitación e renovación urbana por un importe de preto de 45 M€

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021
. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) colaborarán un ano máis na divulgación das diferentes liñas de axudas en materia de rehabilitación que a Xunta de Galicia pon a disposición de empresas, particulares e comunidades de propietarios. Este compromiso acaba de plasmarse coa sinatura dun convenio entre ambas entidades, que renova a colaboración que se iniciou no ano 2012.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, destacou a importancia do apoio que brinda Asemaco á hora de divulgar entre os empresarios os programas públicos autonómicos en materia de rehabilitación, facilitando e fomentando deste xeito as intervencións dirixidas á posta en valor do xa construído, e ofrecendo aos seus socios o sistema de financiamento Crediasemaco, que permitiu levar a cabo ao longo do ano pasado case un cento de operacións en materia de rehabilitación.

Neste sentido, Vázquez Mejuto explicou que, grazas a esta iniciativa, a entidade incentiva operacións de rehabilitación entre os seus asociados a través da concesión de créditos de pequenas contías pero cuns prazos de pagamento flexibles e sen xuros nin comisións. Unhas facilidades para acceder a financiamento que, combinadas coas liñas de axuda que ofrece a Xunta, dixo, garanten a eficacia da colaboración que manteñen a Consellería e Asemaco desde hai case unha década.

En virtude do convenio asinado, a Xunta destinará en 2021 un total de 15.000 euros á entidade para que promocione entre o empresariado galego do sector da construción todos os seus programas de axudas en materia de rehabilitación.

Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que só neste 2021 a Xunta convocará axudas a particulares, comunidades de propietarios e concellos ou se executarán actuacións directas de rehabilitación e renovación urbana por importe de preto de 45 millóns de euros.

Entre as medidas e programas operativos na actualidade, destacou as Áreas Rexurbe, o programa Rexurbe para a adquisición de inmobles, as axudas directas a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores; ou as axudas a particulares, a través das Áreas de Rehabilitación e actuacións directas do IGVS.
A conselleira reiterou que é necesario que todas estas políticas sexan coñecidas polos seus destinatarios para que poidan ser realmente efectivas e, grazas a convenios como o renovado con Asemaco, poder chegar aos destinatarios finais.

Pacto Social pola Vivenda 2021-2025
Pola súa parte, os representantes da entidade tamén amosaron o seu interese polo medio cento de medidas incluídas no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, asinado a finais do pasado mes de xaneiro e no que se inclúen, precisamente, todas as axudas e programas en materia de vivenda xestionados polo IGVS e que Asemaco contribuirá a difundir entre os distintos colectivos aos que van dirixidos.

De feito, cómpre lembrar que a Xunta aspira a mobilizar a través deste Pacto máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados durante os próximos cinco anos, o que contribuirá á reactivación económica e á xeración ou mantemento duns 30.000 postos de traballo.

Neste sentido, a xunta directiva de Asemaco tamén subliñou a importancia das medidas programadas para os seus asociados, xa que algunhas delas incidirán de forma directa na dinamización do eido da construción e da rehabilitación con fins residenciais. Así mesmo, tamén lle trasladaron á conselleira o seu interese polas axudas fronte ao impacto paisaxístico que producen certas actuacións urbanísticas, convocadas por primeira vez no pasado mes de abril por 1 millón de euros.