Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCA POR 1 MILLÓN DE EUROS AS AXUDAS Á REHABILITACIÓN E MELLORA DE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

• Trátase de subvencións a comunidades de propietarios de vivendas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou transferidas ao mesmo, unha liña da que xa se beneficiaron preto de 2.800 inmobles desde 2016
• A axuda, que se pode solicitar durante os próximos dous meses, pode chegar ao 60% do orzamento e un máximo de 5.000 euros por vivenda

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021
.- A Xunta de Galicia destinará 1 millón de euros a axudas a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidos polo IGVS ou transferidos á Comunidade autónoma, segundo establece a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia coa convocatoria das mesmas para 2021.

Destas subvencións, que xa favoreceron a preto de 2.800 vivendas de promoción pública desde 2016, poderán beneficiarse as comunidades de propietarios dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Xunta sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para realizar obras polo mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

Os edificios que opten ás axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia.
c) Que sexan seleccionadas conforme á prelación realizada en aplicación do baremo previsto nas bases do 4 de abril de 2019 e conforme á disposición orzamentaria existente.

Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación destas axudas que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución e poderán estar iniciadas no momento de solicitar a subvención sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro de 2021 e non teñan executado máis dun 60 por cento do custe total das obras.

A contía da subvención será de ata o 60% do orzamento subvencionable e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

As solicitudes poderán presentarse durante o prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á publicación da resolución no DOG, polo que dito prazo rematará o 22 de xuño de 2021.