Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ÁNGELES VÁZQUEZ ANIMA AO CONCELLO A TRAMITAR A DECLARACIÓN DUNHA ÁREA REXURBE PARA AVANZAR NA RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO EDIFICATORIO DE BETANZOS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladou o apoio e colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo para iniciar as xestións necesarias e sumarse ao listado de concellos que xa contan cunha Área Rexurbe, como Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, ou que decidiron solicitala, como é o caso de Tui
• Recorda que Betanzos é un concello exemplar en materia de rehabilitación, pois conta cunha Área de Rehabilitación Integral do seu casco histórico, está incluída na ARI do Camiño de Santiago e tamén se beneficiou do Programa Rexurbe
• O IGVS recuperará en Betanzos un total de 17 inmobles para habilitar 22 vivendas públicas para os veciños, así como tres locais comerciais

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021.-
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou ao Concello de Betanzos a iniciar a tramitación da declaración dunha Área Rexurbe, figura recollida na Lei de rehabilitación, para avanzar e completar as actuacións en materia de rehabilitación co fin de recuperar o patrimonio edificatorio e facilitar vivendas aos veciños de Betanzos.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as obras de rehabilitación que se están a executar ao abeiro do programa Rexurbe, outra iniciativa de rehabilitación posta en marcha polo Goberno galego; onde trasladou o apoio e colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo para iniciar esta declaración e sumarse ao listado de concellos que xa contan coa mesma, como é o caso de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, ou que xa decidiron apostar por esta liña de actuación, como fixo recentemente Tui.

Explicou que a declaración dunha Área Rexurbe será moi beneficiosa non só para rehabilitar, senón tamén para habitar e dinamizar esta vila xa que grazas a unha Área Rexurbe, non só se actúa rehabilitando edificios ou espazos; senón que tamén se establecen medidas para a contención do despoboamento e atracción de novos habitantes, o desenvolvemento económico e o fomento e concienciación sobre a importancia da rehabilitación e promoción da colaboración público-privada.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que esta iniciativa vén a completar o traballo e o camiño avanzado neste eido en Betanzos, un concello que conta desde 2002 cunha Área de Rehabilitación Integral para o seu conxunto histórico e que tamén está incluída na ARI dos Camiños de Santiago, xa que por este municipio transcorre o Camiño Inglés.

Programa Rexurbe
Ángeles Vázquez salientou que abandonar e descoidar a arquitectura e o urbanismo dunha rúa, provoca que os veciños marchen, os negocios pechen e os edificios e espazos públicos quedan abocados a deteriorarse máis. Para evitar esta degradación e abandono, a Xunta de Galicia fixo unha forte aposta pola rehabilitación a través do Programa Rexurbe, unha iniciativa para a adquisición e rehabilitación de inmobles abandonados ou en estado de semiabandono situados conxuntos históricos e zonas especialmente degradadas, desde un punto de vista tanto arquitectónico como social.

Recordou que nos orzamentos de 2021 se reserva unha partida de máis de 10 millóns de euros para este programa, case un 24% máis que no ano anterior, e dos cales a Betanzos se lle consignarán 1,20 millóns de euros para seguir avanzando nos proxectos e obxectivos para este concello.

En Betanzos, o IGVS adquiriu un total de 17 inmobles, co fin de obter 22 novas vivendas protexidas e tres locais comerciais. Na actualidade xa están rehabilitados 5 inmobles, dos que se obtiveron 8 vivendas e os tres locais comerciais e que se prevén entregar a mediados de ano e que están localizados na rúas Cerca e Primeira Venela de Clérigos.

A conselleira tamén avanzou que no presente ano se iniciarán as obras doutros 7 inmobles e no primeiro cuatrimestre de 2021 se licitarán as obras de rehabilitación dos 6 inmobles, localizados nas rúas Segunda Venela de clérigos nº 10 e 4, Pinche nº 9, Alfolí nº 6 e 34, e Cerca nº 43, para os que xa se solicitou licencia de obra ao concello.