• Desde hoxe e ata o vindeiro 10 de decembro manterase aberto o prazo para que persoas e
unidades de convivencia con dificultades económicas poidan solicitar esta subvención ao aluguer,
cuxa contía oscila entre os 175 e os 225 euros ao mes
• A duración máxima da concesión, incluíndo todas as prórrogas extraordinarias que os
beneficiarios poden solicitar, estenderase ata os seis anos
• Desde a posta en marcha deste programa en 2015, o Instituto Galego da Vivenda e Solo
mobilizou case seis millóns de euros para chegar a 1.114 solicitantes
• Durante todo 2021 e no marco das medidas sociais adoptadas fronte á Covid-19, o Goberno
galego complementará o bono alugueiro cunha axuda extraordinaria para achegar o 100% do custo do
arrendamento das familias perceptoras
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- A partir de hoxe xa poden
solicitarse as axudas do Bono de Alugueiro Social, un programa autonómico que xestiona e concede
desde o ano 2015 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto Galego
da Vivenda e Solo (IGVS) co fin de facilitar o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de
aluguer a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas.
A nova convocatoria destas subvencións permanecerá aberta ata o próximo 10 de decembro e está
dotada con 1,5 millóns de euros para o período 2021-2025, a razón de 300.000 euros por ano, unha
contía que, en todo caso, poderá ampliarse, tal como establece a resolución que saíu publicada onte
no Diario Oficial de Galicia.
Con estes fondos, o IGVS estima que poderá subvencionar ao longo de todo o 2021 o alugueiro
de preto de 800 familias galegas con recursos económicos limitados. A concesión inicial da axuda
será por un período de 12 meses, prorrogables por dous anos máis previa petición do interesado.
Posteriormente, poderá ampliarse tamén de forma extraordinaria por outros tres exercicios, polo que
a duración máxima de percepción das subvencións estenderase ata os seis anos.
Concretamente, os bonos terán unha contía de 225, 200 ou 175 euros ao mes, equivalentes ao 50
por cento da renda mensual máxima da vivenda alugada segundo a localidade na que estea. Así, nas
sete cidades o alugueiro non poderá superar os 450 euros mensuais, en concellos de tamaño medio o
límite será de 400 euros, e no resto, de 350 euros.
A maiores, o Bono de Alugueiro Social tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600
euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de que o
beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.
En todo caso, a contía concedida a través do bono alugueiro verase complementada ao longo de
todo 2021 por outra axuda da Xunta de carácter extraordinario para que os seus beneficiarios non
teñan que pagar nada en concepto de alugueiro de vivenda.
Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente asumirá entre os meses de xaneiro e decembro o
pagamento do 100% do alugueiro de todas familias perceptoras do bono, unha decisión aprobada polo
Consello da Xunta a finais do ano pasado e que lle dará continuidade a unha das medidas de carácter
social adoptadas xa en 2019 para responder á situación provocada pola crise da Covid-19 entre os
colectivos máis vulnerables.
Balance do programa e posibles beneficiarios
As axudas autonómicas do Bono de Alugueiro Social puxéronse en marcha no ano 2015 co
obxectivo de atender con carácter urxente a aquelas unidades de convivencia que, por estar en
situacións de especial dificultade, precisen dunha axuda para poder asumir o arrendamento da súa
vivenda habitual.
Desde a creación deste programa e a través das diferentes convocatorias anuais, a Xunta
concedeu 1.114 bonos de alugueiro por un importe global de 3.416.150 euros, un balance ao que
cómpre engadir as 1.088 prórrogas extraordinarias autorizadas no mesmo período e que supuxeron un
desembolso adicional de 2.524.965 euros. O total mobilizado nos últimos seis anos a través do Bono
de Alugueiro Social, por tanto, ascende a 5.941.080 euros.
Neste período, o programa autonómico foi mellorando e evolucionando co fin de ampliar o abano
de grupos vulnerables aos que vai dirixido. Así, en 2018 creouse un Bono específico para vítimas de
violencia de xénero, os seus fillos dependentes e mulleres obxecto de casos de explotación sexual,
unha liña de axudas que se volverá convocar tamén en 2021.
Concretamente e tal e como se recolle nas bases reguladoras, estes son os colectivos que
poden acollerse e solicitar as axudas do Bono de Alugueiro Social da Xunta:
• Unidades familiares que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa
vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa
arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por impago.
• Vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento
dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos
integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración
pública.
• Persoas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen
privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta.
• Aquelas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, desfrutasen na súa totalidade da
subvención do devandito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro
dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do
Bono Alugueiro Social.
• Ás que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do
IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato a partir da entrada en vigor desta orde.
• Ás que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de
ingresos do Programa de Vivendas Baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do programa lles
propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.
• Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sareb, en virtude
dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as mesmas, rematasen a vixencia do seu
contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude
de subvención.
• Os mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta, unha vez que acaden a maioría de idade e
saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso a unha vivenda en alugueiro.
• Aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de
procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación
en pagamento a entidades financeiras.